Teo - O alcalde indignado co cambio nos horarios de transporte

O alcalde de Teo indignado coa marcha atrás da Xunta de Galicia na harmonización dos horarios no corredor da ac 841

· Os horarios comunicados esta semana quedan en suspenso, nun “novo exemplo de ineficacia e improvisación da Dirección Xeral de Mobilidade” explica o rexedor

· O Concello solicitará unha xuntanza urxente coa Directora Xeral para esixir o cumprimento do acordado

O alcalde de Teo, Martiño Noriega, amósase indignado coa decisión da Xunta de Galicia comunicada esta mañá ao Concello de suspender a entrada en vigor da harmonización dos horarios de autobuses do corredor da AC 841 dende Pontevea a Santiago, prevista para o próximo luns 20 de outubro. 

A propia Dirección Xeral de Mobilidade comunicaba a primeiros desta semana ao Concello de Teo, á plataforma cidadá Teo Bus e aos medios de comunicación que a vindeira semana estarían implantados os horarios harmonizados na estrada AC 841 entre Pontevea e Santiago. Tratábase dunha vella reivindicación e supoñía ordenar frecuencias xa existentes de xeito que houbera autobuses entre as 07:15 horas e as 21:30 cun intervalo de tempo que non superara unha hora e sobre todo que estes horarios e frecuencias foran exactos e públicos. 

Esta mañá a Xunta “recúa sobre o seu propio anuncio e asegura que esto queda en suspenso por reclamacións de usuarios afectados por estes cambios” segundo explica o alcalde de Teo. “A nosa perplexidade é máxima xa que non se explica tanta improvisación, ineficacia e ineptitude nun tema que ademais non é novedoso” destaca Noriega. 

No tema do transporte a Xunta de Galicia “non é capaz de dar solucións e melloras para un transporte metropolitano cuns mínimos criterios de calidade pero situacións esperpénticas como a que vivimos esta semana, de retractarse do seu propio anuncio resultan xa insoportables” continúa Noriega. 

O Concello de Teo solicitará unha reunión urxente coa Dirección Xeral de Mobilidade para aclarar esta situación e esixir o cumprimento urxente da harmonización dos horarios no corredor da AC 841 dende Pontevea a Santiago.

Ningún comentario: