Plataforma preferentes - Convocatoria para hoxe martes

A Plataforma de Afectados por Preferentes de Compostela acudirá de novo aos xulgados para apoiar no xuízo a integrantes da plataforma que demandaron a NovaGalicia Banco.

A Plataforma de afectados por preferentes e subordinadas de Compostela concentrarase diante dos Xulgados de Compostela con motivo da vista oral do xuízo pola demanda interposta contra NovaGalicia Banco (agora ABANCA) pola compañeira Ana Belén Espasandín e a súa nai María Nieves Espasandín reclamando uns 8.000 euros correspondentes ao canxe por accións non cotizables, coa quita obrigatoria decretada polo goberno central. O xuízo será ás 12h de mañá do martes 21 de outubro.

CONVOCAMOS A TODOS OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN:
Martes 21 de outubro, ás 11:30 h. diante do edificio dos Xulgados de Santiago de Compostela
(Rúa Viena, 1 - Polígono Fontiñas)

Nestes últimos días falláronse catro sentenzas favorábeis a outros tantos compañeiros da plataforma de Compostela, todas elas coa anulación do contrato por vicio de consentimento, restitución da totalidade dos aforros, costas xudiciais a cargo da entidade demandada e regularización dos intereses segundo o prezo legal dos cartos dende a sinatura do contrato ata a devolución efectiva destes.

Desde a Plataforma de Compostela, temos claro que a solución definitiva para os 20.000 afectados de NGB que aínda non recuperaron os seus aforros pasaría pola modificación da lei 9/2012 para que aos afectados non se lles recoñeza como inversores senón como aforradores, para que non se lles aplique as quitas impostas por esta lei e así podan recuperar o cen por cen dos seus cartos. Recordamos que unha iniciativa neste sentido foi presentada e defendida polo BNG no Congreso dos Deputados o pasado 8 de abril, e que recollía tamén o acordo unánime acadado no Parlamento galego nesta materia. Nesa ocasión, a maioría absoluta do PP, co seu voto en contra, impediu que se aprobara, pese a contar co apoio de todos os grupos parlamentares da oposición.

Recordamos que as sentenza xudiciais están sendo favorables aos afectados nun 99% dos casos, e continúamos a demandar unha solución definitiva que non nos obrigue a agardar a procedementos xudiciais longos e custosos. A avalancha de sentenzas favorables aos estafados polo escándalo financieiro das preferentes, demostra o inxusto da Lei 9/2012, que non solo non solucionou o problema da estafa masiva, senón que penalizou con importantes perdas dos aforros de hasta un 70% e que o proceso de arbitraxe foi enganoso, imperfecto e falido, toda vez que a práctica totalidade dos afectados non chamados pese a solicitalo e que posteriormente presentaron demandas están gañando estas.

Miles de pequenos aforradores están aínda pendentes de recuperar os seus aforros, mentres as promesas electorais de Feijóo de arbitraxes para todos, de solución global aos aforradores tanto por parte do goberno do PP como da nova dirección da entidade privatizada de resolver en 90 días seguen sen cumprirse. Por outra banda, ABANCA declara 440 millóns de euros de beneficios e seguen sen devolver 200 millóns a 20.000 estafados polas antigas caixa galegas.

Considerámonos non só totalmente abandonados, senón aínda por riba represaliados polas distintas administracións públicas gobernadas polo PP, mediante as multas e sancións administrativas que se lle impuxeron inxustamente a membros das mesmas por participar en actos pacíficos de protesta. O importe total desas multas en Galicia ronda los 20.000 euros e esiximos a súa retirada.

Neste sentido, a Coordinadora Galega de Plataformas de Afectados, reunida o pasado sábado 11 de outubro, acordou apoiar aos e ás preferentistas inxustamente multados tendo presenza nos xuízos que se celebrarán a partir do vindeiro mes de novembro polos recursos presentados contra as sancións.

Plataforma de Afectados por Preferentes e Subordinadas de Compostela

Ningún comentario: