O Concello de Ordes pon en marcha un novo Plan Municipal de Formación
Distribúese nas áreas de Ocio e tempo, Seguridade e saúde e Sanidade e agricultura. Está orientado a persoas en situación de desemprego e traballadores que queiran mellorar a súa cualificación profesional
O Concello de Ordes vén de poñer en marcha o Plan Municipal de Formación. Unha iniciativa orientada especialmente a persoas desempregadas e inscritas como tales no servizo público de emprego de Galicia, así como a aqueles traballadores e traballadoras que desexen mellorar a súa cualificación profesional.
O dito plan distribúese en tres áreas distintas: Ocio e tempo, Seguridade e saúde, Sanidade e agricultura, e en moitos casos inclúe formación tanto teórica como práctica. No primeiro caso ofértanse cursos de monitor de tempo libre, director de tempo libre, monitor de transporte escolar e tamén de comedor escolar. Na área de Seguridade e saúde impartirase a formación en prevención para a obtención da tarxeta profesional da construción, ademais do curso de prevención de primeiros auxilios de soporte vital básico e emprego do desfibrilador, e o de manexo de carretillas elevadoras. Por último, na área de Sanidade e agraria pódese escoller entre clases de hixiene alimentaria e manipulación de alimentos, mantemento hixiénico sanitario de instalacións de risco fronte á lexionela, curso oficial de aplicador de biocidas de uso fitosanitario (con expedición do carné oficial de aplicador no medio rural) e o curso oficial de benestar animal.
Para poder participar en calquera destas opcións é requisito indispensable residir no concello de Ordes, ademais de cumprir os requisitos de acceso a cada unha das accións formativas ofertadas en base a ser maior de idade ou á titulación académica mínima requirida.
Os interesados e interesadas en participar neste plan deberán entregar a ficha de inscrición cos seus datos persoais ademais dunha fotocopia do DNI e a copia da tarxeta de demandante de emprego. Tamén se pode solicitar máis información a través do teléfono 981 680 002.
Ningún comentario:
Publicar un comentario