O período de presentación de solicitudes empezará mañá e o límite para entregalas remata o 10 de novembro, ás 14.00 horas
As listaxes de admitidos publicarase o 12 de novembro e o período de reclamacións irá do 13 ao 24 dese mesmo mes
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as normas dos sorteos e da venda de permisos de pesca en coutos para a tempada 2015. Os sorteos de permisos de pesca en coutos realizaranse nos servizos provinciais de Conservación da Natureza, segundo a normativa que fixe dita Dirección Xeral.
As normas para a tempada 2015 serán as seguintes: En cada Servizo Provincial de Conservación da Natureza realizaranse dous sorteos:
– Sorteo de salmón: incluirá os permisos de coutos de salmón, mesmo os de pesca sen morte en coutos desta esta especie.
– Sorteo de troita: incluirá os permisos de troita, de reo, de pesca intensiva e aqueles de pesca sen morte non incluídos no sorteo anterior.
Cabe destacar que o inicio do período de presentación de solicitudes empezará ao día seguinte da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas, e o límite para entregalas remata o 10 de novembro, ás 14.00 horas. As listaxes de admitidos publicarase o 12 de novembro e o período de reclamacións vai do 13 ao 24 dese mesmo mes. Así mesmo, a data de sorteo será o vindeiro 10 de decembro, ás 12.00 horas.
As datas e horas das sucesivas roldas de escolla serán notificadas a cada participante e publicadas no taboleiro de anuncios de cada Servizo Provincial de Conservación da Natureza e na páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/.
Para cada sorteo, poderán presentarse solicitudes individuais ou en grupo, cun máximo de tres por grupo. As peticións poderán ser telemáticas ou por escrito, quen participe só poderá figurar nunha solicitude para cada un dos sorteos. As telemáticas presentaranse por medio dunha aplicación informática dispoñible na web e os impresos de solicitude escrita estarán dispoñibles na páxina web ou nos servizos provinciais de Conservación da Natureza.
Na admisión de solicitudes aplicarase a seguinte normativa:
ü Solicitudes telemáticas. para formular a petición será necesario introducir o número de DNI e o da licenza de pesca fluvial, a vixente ou calquera outra de anos anteriores. Para grupos haberá que introducir os números de DNI e os das licenzas de todos os participantes. O enderezo para notificacións relacionadas co sorteo será o que figura na licenza do solicitante principal, non obstante, poderase modificar este enderezo na propia páxina web durante o rexistro da solicitude. Así mesmo, quen o indique poderá substituir as notificacións en papel por outras por correo electrónico e, opcionalmente, SMS. Cada participante poderá acceder a todas as súas notificacións en formato descargable e imprimible a través da páxina web.
ü Solicitudes por escrito: presentaranse nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente ou por calquera dos procedementos descritos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tanto nas individuais coma nas de grupo deberá figurar a sinatura de cada solicitante.
Condicións
As reclamacións poderanse facer directamente a través da páxina web ou ben por escrito. No caso de presentación telemática, será preciso identificarse introducindo o número de DNI. Os sorteos terán lugar nos servizos provinciais de Conservación da Natureza na data e hora antes indicadas e os resultados dos sorteos poderán consultarse na páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/. Para acceder á consulta será preciso introducir o número de DNI. Así mesmo, a cada solicitante notificaráselle o día e mais o rango horario en que poderá escoller os permisos. No caso de peticións en grupo, só recibirá a notificación quen figure en primeiro lugar.
Para a elección de permisos de troita e reo, os servizos provinciais de Conservación da Natureza establecerán grupos de permisos de pesca. Para os permisos de salmón haberá un só grupo en cada provincia. A listaxe dos grupos será exposta no taboleiro de anuncios de cada servizo provincial e na web. Xunto coas notificacións dos resultados dos sorteos remitirase unha copia desta listaxe.
A normativa de funcionamento dos coutos será a que estableza a orde anual que regulará os períodos hábiles de pesca e normas relacionadas con ela nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2015. Os permisos serán outorgados con esta condición e sen que os posibles cambios na normativa poidan dar lugar a cambios de permisos, agás no caso concreto de que se prohiba a práctica da pesca na data ou no couto obtido.
Logo da expedición dun permiso, non se poderá anular nin transferir a outra persoa, nin obter o reintegro do seu importe, agás no caso previsto no parágrafo anterior. En todo caso, cando proceda o reintegro do importe, será preciso presentar unha solicitude escrita á cal se xunte unha copia do impreso de pagamento en que figuren os datos do titular do permiso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario