A Cámara de Comercio ofrece aos comercios de Santiago un programa gratuíto de modernización dos seus negocios
Financiado pola Consellería de Economía, permite poñerse ao día na implementación de novas tecnoloxías e xestión empresarial
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela pon en marcha o Plan de apoio ao sector comercial galego 2014 da man da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. Esta iniciativa, de carácter gratuíto para empresas e emprendedores, é un programa indicado para mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas, promover a creación dun novo tecido comercial, favorecer a modernización dos negocios, ademais de fomentar o uso das novas tecnoloxías nos sistemas de xestión empresarial e apoiar o relevo no negocio. Poderá participar nos diversos programas calquera peme ou emprendedor do sector comercial de Santiago de Compostela e do resto da demarcación cameral, que terá que inscribirse nas dependencias da Cámara de Comercio (sede cameral, viveiro de Costa Vella ou Antena Local de Boiro).
O plan inclúe un programa de asesoramento a emprendedores e servizo de xeomarketing comercial. Está orientado a fomentar a creación de novas pemes comerciais, ofrecendo consellos e respaldo ao emprendedor no inicio do seu negocio en cuestión de trámites e información de axudas, lexislación ou fórmulas comerciais. Así, a Cámara de Comercio de Santiago axudará ao novo emprendedor a tramitar ante os organismos pertinentes a documentación necesaria a través do Punto de Atención ao Emprendedor (PAE) das Cámaras de Comercio, integrado no sistema informático Circe (Centro de Información y Red de Creación de Empresas).
Ademais, os participantes recibirán un informe de xeomárketing para coñecer a área de influencia onde se localizará o negocio, descubrindo os detalles da súa clientela potencial, a competencia e o oco de mercado. Segundo explican desde a Cámara, estes informes permiten avaliar as oportunidades de negocio combinando información con bases de datos de empresas, datos socio demográficos, cartográficos e estatísticos.
O seguinte programa será de apoio ao relevo comercial para que as pemes continúen coa súa actividade unha vez que os seus propietarios ou arrendatarios decidan abandonar o negocio. Ofrecerase titorización para realizar o contrato de traspaso e o resto de trámites. A Cámara ofrecerá tamén ao novo comerciante información sobre técnicas de márketing durante a primeira semana de actividade.
Outro programa complementario centrará esforzos na iniciación ao comercio electrónico e redes sociais co obxecto de aumentar as vendas mediante o uso destas canles de comercialización. Haberá tamén unha actividade indicada para o asesoramento ao comercio no punto de venda, destinada á consolidación e crecemento dos negocios comerciais e á adaptación dos novos hábitos de consumo dos clientes. Os comercios terán a súa disposición un asesoramento personalizado e un completo diagnóstico da súa situación. Como resultado do traballo, os comercios recibirán un informe de propostas e un terán un seguimento da súa implantación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario