Ordes - Manuel Regos avoga polo cooperativismo na clausura das xornadas ‘Motivación para emprender’

O alcalde de Ordes e o vicepresidente da Deputación da Coruña poñen o punto e final a dous días de charlas e encontros aos que acudiron máis dun cento de persoas 

 O alcalde de Ordes, Manuel Regos, clausurou esta mañá as xornadas ‘Motivación para emprender’ que ao longo destes dous últimos días se desenvolveron no municipio. Máis dun cento de persoas asistiron a esta cita no auditorio da casa da cultura no que hoxe se falou do deseño de marca, da innovación, da coñecida como Lei do Emprendedor e da rede de cooperativismo Eusumo. 

Precisamente durante a súa intervención o edil ordense destacou a fórmula cooperativista como “unha das mellores estratexias para poder plantexar unha oportunidade de negocio hoxe en día”. Regos, describiu a situación actual no plano laboral como “complicada e difícil” polo que aconsellou a todos os asistentes que invirtan no seu proceso formativo “xa que é unha das bases fundamentais para ter máis oportunidades de futuro”. As súas últimas palabras foron de agradecemento aos técnicos muncipais das áreas de emprego, así como á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña polo seu esforzo e colaboración á hora de levar a cabo estas xornada. 

Acompañando ao alcalde de Ordes estaba Antonio Cañás, vicepresidente da Deputación da Coruña, quen resaltou a importancia “da motivación como motor para facer realidade moitas das ideas e proxectos”. Cañás tamén lembrou o convenio asinado recentemente entre a entidade Abanca e a administración autonómica para a concesión de axudas e microcréditos, destinados á implantación de novos negocios e empresas no territorio galego. 

Para concluir o acto Manuel Regos fíxolle entrega ao dirixente da Deputación dun libro fotográfico sobre o municipio de Ordes, ademais dun queique típico. Un momento que aproveitou públicamente para solicitarlle máis axudas e apoio para a execución de proxectos relacionados coa formación e o emprego entre outros.

As xornadas ‘Motivación para emprender’ foi unha iniciativa organizada polo Concello de Ordes, a Mancomunidade de Ordes e a Deputación da Coruña, en colaboración co IGAPE e a Xunta de Galicia.

Ningún comentario: