BNG A Estrada - Zonificación escolar no concello

López fai de parapeto da Consellaría de Educación para non afrontar con decisión a zonificación escolar
O alcalde reuniuse dúas veces coa comunidade educativa e a día de hoxe non puxo unha soa proposta enriba da mesa

O concelleiro do BNG Estrada, Xosé Magariños, acusou hoxe ao alcalde de “improvisar e de poñer unha vela a deus e outro ao demo para non afrontar con decisión a zonificación escolar no noso concello”.

O concelleiro nacionalista afirmou que “o Concello da Estrada, en tanto en canto Administración mais próxima á cidadanía estradense ten algo que dicir neste tema, mais non podemos deixar unha cuestión de índole técnica na man dun concello como o noso que non conta con persoal técnico para este cometido, senón mais ben, será a administración galega quen ten que presentar unha proposta e consensuala cos veciños e veciñas da Estrada”.

“Pero unha vez máis,” engadiu Magariños, “o alcalde fai de parapeto da Consellaría de Educación, que é a que ten facer unha proposta, e a día de hoxe non hai nada enriba da mesa, e iso que o alcalde xa se reuniu en dúas ocasións coa comunicade educativa local sen aportar ningún tipo de solución nin levou ningún tipo de proposta”.

“Temos que recordar que unha zonificación escolar é importante para distribuír homoxeneamente os nenos e nenas polos distintos colexios do noso concello,” indicou o concelleiro do BNG, “para evitar que haxa colexios saturados de alumnos e outros que están medio baleiros”.

“Neste sentido,” apuntou Magariños, “é importante que todos os colexios conten cos mesmos servizos, porque as nais e pais non escollen libremente o centro dos seus cativos, senón en función dos servizos que este ofrecen e en función das necesidades que como pai/nai teñen para poder conciliar a vida laboral e familiar”.

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, afirmou “que o concello non ten competencias en materia educativa, pero si pode esixir á Consellaría a que dote a todos os centros educativos da Estrada dos mesmos servizos”. “Mais,” engadiu o concelleiro nacionalista, “López está máis preocupado en non molestar aos seus, en facer de parapeto da Xunta do PP, que en resolver os problemas ou facerlle a vida máis doada aos estradenses”.

“Por outra parte, e para rematar, “ explicou Magariños, “quero referirme unha vez máis á Lei Orgánica da Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), un nome ben retranqueiro para unha lei que está nas antípodas do que o seu nome predica, xa que, como vemos na Estrada, os centros non teñen servizos, aumentan as horas de traballo dos ensinantes, aumentan os alumnos por aula, suprimen profesores de apoio e especialistas, baixan os salarios dos ensinantes, ... e todo isto en nome da mellora da calidade educativa”.

Ningún comentario: