No Día Internacional do Orgullo LGTB, o colectivo 7 Cores Compostela celebrou na Alameda de Santiago un acto público no que se deu lectura ao Manifesto do PSdeG con motivo desta conmemoración.
O acto tivo lugar ao carón da coñecida estatua das Marías, polo "simbolismo que supón homenaxear a dúas mulleres perseguidas, vexadas e humilladas durante o franquismo, ao igual que o foron tantos e tantas homosexuais, lesbianas e transexuais que perderon a súa liberdade ou a súa vida", destacou Gonzalo Diz, coordinador de 7 Cores Compostela.
Diz remarcou tamén que "se Coralia e Maruxa Fandiño puxeron unha nota de cor naquela Compostela gris, hoxe os socialistas saimos á rua para enchela de cor, nun contexto tan escuro no que leva inmerso a cidade nos últimos anos".
Na lectura do Manifesto participaron ademáis do propio Gonzalo Diz, cargos institucionais socialistas da comarca de Compostela entre os que se atopaban Manuel Mirás, Alcalde de Oroso, Uxia Lemus, portavoz socialista en Teo, Isabel González, Concelleira en Ames, Rosario Valledor, concelleira en Santiago e Xosé Sánchez Bugallo, Deputado no Parlamento de Galicia.
Pechou o Acto, Pilar Cancela, Secretaria de Organización do PSdeG, que agradeceu o traballo do colectivo LGTB e remarcou o "compromiso permanente dos e das socialistas na defensa de todos aqueles que sufren discriminacións de calquera tipo e en calquera ámbito da sociedade. O lugar do Partido Socialista é ese e ningún outro"

Ningún comentario:
Publicar un comentario