BNG A Estrada - Falla de planificación dos desbroces

Insistimos e reiteramos que falla a planificación de desbroces do rural

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, instou hoxe ao alcalde a modificar a planificación do desbroce dos viais do rural porque “corren serios riscos de quedar sepultados polas herbas, logo das intensas choivas do inverno”.

Magariños engadiu, que “desde que goberna o PP todos os anos pasa o mesmo ao chegar a primavera e o verán, as herbas invaden os viais, quedando claro que non é suficiente desbrozar unha vez ao ano coincidindo coas festas da parroquia, esa planificación non vale”.

“Eu non sei se o alcalde”, preguntouse o concelleiro nacionalista, “é consciente do risco que ten para os peóns e vehículos que utilizan a diario eses viais, se o fora non tomaría á lixeira as queixas dos veciños e veciñas que sen dúbida ten enriba da mesa, queixas que tamén foron transmitidas ao BNG”.

“Somos conscientes”, explicou Magariños, “que A Estrada ten centos senón miles de quilómetros de viais que ten desbrozar e manter, por iso mesmo afirmamos e reiteramos que falla a planificación, e instamos ao alcalde e ao PP a tomar medidas e cambiar os criterios que utilizan para os desbroces no rural”.

Rogos e preguntas do pleno do xoves

Noutra orde de cousas o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, adiantou aos medios de comunicación local dous dos rogos que levará ao pleno de mañá xoves. “Por unha banda”, explicou o concelleiro nacionalista, “pediremos que se fagan as xestións oportunas diante do Ministerio de Fomento para que se estude a posibilidade de poñer unha raia descontinua para poder acceder e saír ao aparcadoiro da Casa das Letras”. “Agora mesmo”, engadiu o concelleiro do BNG, “só é posíbel facelo na dirección Lalín-Pontevedra, pero non á inversa”.

“Por outra parte tamén pediremos que o alcalde”, explicou Magariños “inste ao Ministerio de Fomento a mellorar o firme da N-640 nas curvas do Alto da Cruz en dirección Cuntis.” “Somos conscientes de que ese tramo pertence ao concello veciño, tamén en mans do PP, pero trátase dun tramo perigoso que utilizan a diario centos de estradenses, e o firme está moi deteriorado precisamente nos tramos máis perigosos”. “Poñamos a venda antes de que aparezan as feridas”, afirmou Magariños.

Ningún comentario: