O concello de Teo abre o prazo para presentar as solicitudes de cacharelas para San Xoán
O formulario, que xa se pode descargar da web municipal, debe entregarse no Rexistro Xeral do Concello antes do 20 de xuño
Co comezo do mes de xuño ábrese no Concello de Teo o prazo para comunicar a realización das cacharelas de San Xoán. Calquera persoa ou colectivo que teña pensado facer unha fogueira ó redor do 23 de xuño debe presentar a solicitude antes do 20 de xuño no Rexistro Xeral do Concello.
Dende o Departamento de Medio Ambiente lémbrase que os promotores destas cacharelas deben ter en conta normas de seguridade básicas entre as que destacan que o lume non debe sobrepasar os 8 metros de perímetro e os 3 de altura, a separación entre a fogueira e edificios ou árbores debe ser alomenos de 12 metros ou a prohibición de queimar neumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites ou calquera sustancia que desprenda fume tóxico.
Por outra banda hai que ter especial coidado en deixar o lume totalmente apagado antes de abandonar o lugar no que se faga a cacharela, non facela debaixo de tendido eléctrico ou telefónico así como nas proximidades de locais que teñan produtos inflamables, e no caso de facela en terreos públicos enlousados debe protexerse o pavimento cunha capa de area dun grosor suficiente para evitar o seu deterioro.
As solicitudes de cacharelas, nas que se debe indicar os datos do solicitante así como o lugar exacto no que se vai facer a fogueira poden entregarse no Concello dende o 2 ao 20 de xaneiro. En ocasións as solicitudes non se ciñen á noite do 23 e adiántanse ao fin de semana anterior, polo que se recomenda entregar o formulario o antes posible no Rexistro. No Concello de Teo presentáronse o ano pasado case 200 solicitudes de fogueiras, unha cifra que se vén mantendo nos últimos anos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario