Compromiso X Galicia - A corporación de Compostela ten que disolverse

Compromiso reitera a necesidade da disolución da corporación municipal de Santiago
Bascuas imputa a responsabilidade a Feijóo de “apodrecer” a imaxe de Compostela
Tralo coñecemento da condena por parte do Xulgado do Penal número 1 de Santiago a nove anos de inhabilitación para exercicio de cargo público por prevaricación aos sete concelleiros de Santiago que aprobaron que o Concello pagara o avogado a Adrián Varela polo caso Pokémon, o Secretario Xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, vén de acusar a Feijóo de “irresponsable e covarde”, ao non ter actuado antes, e agardar a que “a imaxe de Compostela se apodrecera aínda máis”. 

Xa o pasado 22 de xaneiro era o propio Xoán Bascuas quen reclamaba do Consello da Xunta que iniciase os trámites necesarios para que o Consello de Ministros, de conformidade co previsto na lei Reguladora das Bases de Réxime Local, procedera a disolver a corporación municipal de Santiago e constituíra unha xestora, “cuestión que volvemos reiterar, para levar á cidade ás próximas eleccións do xeito máis digno posible”. Bascuas cre que “o Concello cheira a corrupción, e o que hai que facer é abrir ben as fiestras e deixar entrar aire limpo”, e insiste en que Compromiso por Galicia está disposto “a aportar o que precisa esta cidade, que é xente honrada e coa ilusión de levar adiante os proxectos máis importante para converter a Compostela no auténtico motor deste País”.

Pola súa banda, o Secretario Local de Compostela, Modesto Toribio, insistiu en que ademais da dimisión inmediata dos acusados, “Ángel Currás non se pode ir de rositas”, xa que “el tamén ten moita responsabilidade, porque sabía o que se estaba a asinar mentres el estaba no despacho do lado”, e cómpre “que dimita e tamén asuma todo o dano que lle está a facer á capital do País, que en lugar de ser o centro cultural, económica e científico de Galicia, está a ser a capital da corrupción”. Toribio asegura que o alcalde ten que dar a cara e responder ante o conxunto da cidadanía, e insta ao PP a facer “unha profunda reflexión”, a respecto do mal que lle está a facer á cidade. De igual modo, dende Compromiso por Galicia Compostela “anímase” á veciñanza a participar nas distintas iniciativas en prol da dignificación da vida política municipal e contra a corrupción que se están poñendo en marcha desde distintos ámbitos.

Ningún comentario: