Mañá luns 13 de 17h a 18h20 terá lugar no salón de actos do IES Nº1 de Ordes a entrega de premios do I Concours de cuisine francophone (concurso de cociña francófona) no que participou alumnado de francés de tres centros educativos (CPI Pecalama de Tordoia, CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral e IES nº1 de Ordes) cun total de 14 receitas de diferentes lugares de fala francesa.
O xurado estará integrado por profesorado e persoal administrativo dos centros, unha cociñeira do restaurante Nogallás de Ordes (restaurante que pon os premios), unha representante da APFG (Asociación de Profesores de Francés de Galicia) e a agregada Consular da Embaixada de Francia na Coruña, Mme Mónica Dotras.
Paralelamente terá lugar a inauguración da exposición adicada ao Principiño de Saint Exupéry cunha mostra de perto de trinta exemplares únicos en outras tantas linguas diferentes entre as que podemos citar o nepalí, quetchua, árabe, finés, suahili ou grego, cedidos por unha coleccionista e profesora de francés do IES Rosalía de Castro de Santiago.
Parte desta mostra xa foi exporta no pasado curso académico no IES Rosalía de Castro de Santiago e no IES de Noia e consta de paneis explicativos sobre a vida e obra do autor, a xénese do libro, ilustracións e varios debuxos en homenaxe a Saint Exupéry realizados por ilustradores gráficos francófonos. Consta dunha parte interactiva na que as persoas que a visiten poden ler e escoitar fragmentos do Principiño en 139 linguas con 153 grabacións sonoras.
Ao acto do luns asistirán máis dun centenar de alumnas e alumnos de francés do centro e a exposición poderá visitarse ata finais de maio.
Estas actividades están organizadas polo Departamento de Francés e o IES Nº1 de Ordes.