A SALA NASA, PREMIO DE HONRA MARISA SOTO 2012 DA ASOCIACIÓN DE ACTORES E ACTRICES DE GALICIA
A entidade salienta a súa traxectoria e contribución á profesionalización do teatro
A entrega do galardón acontecerá durante a gala dos XVI Premios María Casares, o vindeiro 3 de abril
20 de marzo de 2012.- A Sala Nasa é o novo Premio de Honra Marisa Soto, galardón outorgado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia decidiu conceder o galardón á Sala Nasa por: “Ser unha sala alternativa independente de referencia en Galicia e no estado
español; converterse nunha Sala de exhibición imprescindible na vida teatral e cultural de
Santiago de Compostela; provocar unha xeración de profesionais da escena que se criaron e medraron a carón da Sala, converténdoa nunha auténtica `escola de rúa’; e por ser un proxecto diferenciado e innovador, sempre á procura dunha linguaxe propia e dunha particular maneira de achegar as artes escénicas á cidadanía”.
Vinculada dende os seus inicios ao Chévere, a Nasa tivo as súas portas abertas no barrio compostelán de San Lourenzo dende 1992 ata o verán do 2011.
Xesús Ron, “voceiro da comandancia da Nasa”, apunta que este galardón “é un epitafio inesperado que nós non soubemos escribir. Valorámolo moito por chegar dunha asociación profesional e do teatro. A Nasa tivo o seu momento e é unha aventura cun final, e este premio non o podemos tomar como algo persoal senón que é algo a compartir con toda a xente que traballou e se arriscou en distintas tarefas e momentos nela e, especialmente, coa súa tripulación, eses espectadores cuxa implicación e existencia explica que foi a Nasa”.
Apunta Ron que “o bo da Nasa foi o seu papel coma esforzo colectivo aínda que podemos destacar a 2 persoas que a marcaron nos seus inicios: Pepe Sendón e Fran Pérez, malia que logo se desvinculara”. Por último “a nivel moito máis persoal, e pasados uns meses, serve para botarlle un terrón de azucre que compensa ese regusto a café amargo que foi o seu final”.
O Premio de Honra Marisa Soto naceu no 1997 como galardón que distinguise a especial traxectoria de persoeiros ou entidades no marco dos Premios de Teatro María Casares. A cerimonia de entrega dos XVI Premios María Casares será o vindeiro 3 de abril, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e será retransmitida pola TVG. Os XVI Premios María Casares contan coa colaboración, entre outros, da AGADIC, Concello da Coruña, Fundacion AISGE, Concello de Ames e TVG.
As coordenadas da Sala Nasa
O proxecto da Nasa definíase nos seguintes termos:
NASA: NAve de Servizos Artísticos, é unha iniciativa privada de autoxestión, colectiva, aberta e independente, que xurde en 1992 desde a sociedade civil, promovida e xestionada por artistas, todos eles vinculados ao Colectivo Chévere, coa finalidade de acoller todo tipo de manifestacións artísticas e culturais, e coas seguintes prioridades:
1.- BASE ESPACIAL: servir de base para as actividades do grupo de teatro Chévere, co obxectivo de consolidar en Galicia a existencia dunha sala con compañía residente e que funcione de maneira estable como centro de creación contemporánea, integrado maioritariamente por artistas galegos.
2.- LABORATORIO ESPACIAL: exercer como centro de intercambio de experiencias entre grupos, organizacións e persoas do mesmo ou distinto campo artístico e fomentar e producir novas formas de representación. Cambiar os hábitos de achegamento ao feito teatral para xerar outro tipo de contacto, máis directo, co público.
3.- NAVE NODRIZA: actuar como centro de recursos artísticos para os creadores que o necesiten, acollendo a grupos e artistas noveles que, por falta de experiencia e curriculum, encontran outras portas pechadas e promover accións conxuntamente con todos eles.
4.- SONDA: recibir experiencias e mensaxes doutros lugares e culturas, sempre atentos ás novas expresións, aos creadores máis novos e inexpertos e ás propostas artísticas que non atopan canais para a súa difusión nos circuítos habituais.
5.- ESTACIÓN ORBITAL: incorporar as actividades da NASA á oferta cultural da cidade de Santiago, como forma de potenciar esas propostas que, fóra do circuíto comercial e institucional de grandes aforos, teñen este tipo de espacios de capacidade media como único recinto no que expresarse.
Relación de galardoados co Premio de Honra Marisa Soto
A Sala Nasa súmase no 2012 á listaxe de persoeiros e entidades que, dende 1997, mereceron un Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Sucede a Xan Cejudo.
| GALARDOADOS CO PREMIO DE HONRA MARISA SOTO DA AAAG | |
| Ano | Premiado |
| 1997 | Agustín Magán |
| 1998 | Manuel Lourenzo |
| 1999 | Maruxa Villanueva |
| 2000 | Manuel Gallart |
| 2001 | Asociación Cultura Abrente |
| 2002 | Fundación Teatro Principal de Tui |
| 2003 | Celebración dos 25 anos de teatro profesional |
| 2004 | Padroado da Cultura do Concello de Narón |
| 2005 | Luís Álvarez Pousa |
| 2006 | Dorotea Bárcena |
| 2007 | Concha Abad |
| 2008 | Rubén García |
| 2009 | Ana Romaní |
| 2010 | Gonzalo Uriarte |
| 2011 | Xan Cejudo |
| 2012 | Sala Nasa |
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia e os Premios de Teatro María Casares
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa hoxe en día a 300 profesionais do audiovisual e das artes escénicas de Galicia, cuxa misión é articular, desenvolver e promocionar o sector, en especial a través da elevación técnica e a mellora laboral dos seus profesionais, acorde coas máis modernas políticas culturais. O colectivo asume tamén o obxectivo de fomentar a demanda cultural e a captación de público.
Os Premios de Teatro María Casares, de periodicidade anual, foron creados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia no ano 1997 co fin de servir de estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido pola profesión teatral galega, enchendo o oco baleiro ata o momento existente neste eido.
Os galardóns constan de trece categorías ou apartados representativos do traballo realizado, tanto diante como detrás do telón, ademais do Premio de Honra “Marisa Soto” que recoñece a traxectoria profesional outorgado pola a Xunta Directiva da AAAG.
Aspiran aos Premios María Casares de Teatro todas as producións teatrais realizadas en lingua galega que foran estreadas en Galicia entre o 01 de xaneiro e o 31 de decembro do ano anterior á súa concesión, así como todos os profesionais que participaron nas citadas montaxes, durante ese período de tempo.
O portal da asociación é www.aaag.es