7/6/2016 - O Concello de Frades vén de informar á veciñanza das normas e permisos
necesarios para a realización de cacharelas nas noites de San Xoán e San Pedro.
Unhas cacharelas cuxa celebración terá que ser comunicada previamente ao
Concello (981 69 55 67) antes do venres anterior á celebración da festa.
O Concello de
Frades informa que, unha vez conseguida a autorización, os organizadores
deberán ter en conta varias normas de seguridade. Así, no caso de que a
cacharela se empraza sobre unha beirarrúa ou vía pública, deberá protexerse o
pavimento cunha capa de area. O Concello de Frades facilitará aos veciños e
veciñas que o desexen un vale para poder recoller esa area a Erimsa.
As cacharelas
deberán observar as normas básicas de seguridade tanto no que se refire ao seu
volume como á súa separación de edificios, árbores e tendidos eléctricos ou
telefónicos. Ademais, non se poderá queimar plásticos, PVC, caucho, rodas ou
materiais que poidan estalar. Tamén será preciso que a organización dispoña de
material de extinción (extintores, mangueiras...) e comprobe ao rematar a festa
que as cinzas da cacharela queden totalmente apagadas.
No caso de
facer caso omiso a estas normas básicas, os organizadores serán os responsables
dos danos que se puideran producir nos bens públicos e deberán abonar os gastos
de reconstrución e reparación que sexan precisos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario