Lalín,
10/6/2016 - As familias con escasos recursos do concello de Lalín poderán
acceder de balde durante o próximo verán ás piscinas exteriores, tal e como
estaba previsto en virtude dos cambios aprobados na nova ordenanza fiscal, no
apartado de actividades deportivas.
Outra das
novidades deste ano con respecto ao acceso ás piscinas exteriores versa sobre a
amplíación de 14 a 16 anos a idade dos usuarios que poden acceder coa tarifa
establecida para menores. Eles, ao igual que os maiores de 59 anos, verán
reducido nun 50 por cento o prezo da entrada ás piscinas. Doutra banda,
redúcese o prezo do abono de discapacitados nun 15% en cada unha das súas
modalidades. Por último, salientar que as persoas abonadas ao Lalín Arena terán
entrada gratuíta.
O concelleiro
de Deporte e Benestar Social, Nicolás González Casares, considera que estas
medidas favorecerán “a moitas unidades familiares ás que lles resultaba
complicado asumir o custe dun verán enteiro pagando diariamente a entrada ás
instalacións”. Trátase, explicou, “dunha nova acción a carón das políticas
sociais inclusivas sobre as que traballa o Goberno de Lalín e que son a nosa
absoluta prioridade”. Neste sentido indicou que a iniciativa se enmarca na liña
doutras medidas de marcado carácter social do Goberno local que xa se puxeron
en marcha, tales como a introdución de cláusulas sociais no prego do Servizo de
Axuda no Fogar, as subvencións municipais a colectivos e asociacións que
traballen no eido social, a solicitude dun obradoiro de emprego con finalidade
social etc.
A piscina
exterior municipal abrirá as súas portas o vindeiro día 1 de xullo e
permanecerá aberta ata o 31 de agosto. De cara á súa apertura, operarios
municipais avanzaron onte nos traballos de adecentamento do espazo, mediante a
sega do céspede.
Como xa se
anunciara, o Concello de Lalín traballa para ampliar o espazo de lecer das
instalacións, que nestes momentos é escaso e pode chegar a producir sensación
de masificación. O obxectivo do Goberno, indicou González Casares, é que a
carencia de espazo se solucione no menor prazo de tempo posible, polo que entre
outras medidas, para acelerar o proceso, se colocarán, na zona aumentada, tiras
de “tepex” (céspede natural xa crecido), no canto de plantalo de novo. O investimento total necesario para a
execución destes traballos acende a
31.865,09 euros dos que o 80% se subvenciona mediante fondos FEDER. Este
proxecto conseguirá que a zona axardinada da piscina gañe 5 metros de
envergadura no seu lateral norte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario