Arzúa, 9/6/2016 - O Concello de Arzúa vai poñer
en marcha un plan de promoción e dinamización das feiras quincenais dos días
oito e vinte e dous. O proxecto, que leva por nome ‘Vén ás feiras do 8 e 22’, dará
comezo na segunda feira do mes de xuño coa realización de actividades de
animación e coa defusión a través de diversos medios publicitarios co fin de
reactivar estes mercados tradicionais e impulsar a economía local.
Este novo programa, enmarcado no Plan de Promoción e
Dinamización das feiras do 8 e 22 de Arzúa, poñerá en valor o mercado
tradicional que reúne durante todo o ano a veciños e veciñas e atrae a
numerosos visitantes favorecendo ao tecido empresarial da vila.
Cada quince días Arzúa crea un escaparate comercial no
recinto feiral Terra do Queixo, na explanada do Campo da Feira e nas rúas
próximas a este cun centenar de postos variados no que se pode atopar desde
froitas, verduras e produtos da zona, a roupa e calzado pasando por prantas e
viveiros, apeiros de labranza, roupa e artigos para o fogar ou os tradicionais
postos de polbo á feira.
O Concello de Arzúa promocionará as feiras a través de
cartelería, folletos e outros soportes publicitarios nas inmediacións do propio
recinto feiral. Tamén as difundirá na web municipal, radio local, redes sociais
e prensa.
O obxectivo tamén é dinamizar a zona do mercado con
actividades variadas que poidan atraer a máis público e lograr que as persoas
que nos visiten permanezan durante máis tempo en Arzúa e aproveiten, como se
pretende con este plan, para facer outras mercas e quedar a xantar. Durante os
meses de verán as actividades centraranse na animación de rúa con música e
animadores caracterizados que interactúen coa xente.
A primeira actividade terá lugar o vindeiro día 22 de
xuño cun espectáculo itinerante titulado ‘Circo Victoriano’ a cargo de Barafunda
Animación. Nesta primeira sesión aproveitarase para promocionar este novo
programa entre o público.
No campo da dinamización, propoñeranse máis adiante
actividades infantís, gastronómicas, sorteos, campañas de descontos,
intervencións artísticas e concursos que impliquen ao público e aos vendedores.
O alcalde de Arzúa, José Luis García, agarda que a
iniciativa “teña unha repercusión positiva no noso comercio, que axude a
dinamizalo e sexa un atractivo máis para visitarnos”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario