Melide, 11/6/2016 - O rexedor palense, Pablo Taboada e a alcaldesa de Melide, Dalia García, presentaron xunto co Presidente da Asociación A.D. Cerne e membros da directiva a IV edición da Media – Maratón os 21 do Camiño que terá lugar o próximo día 25.
Tanto a rexedora melidá como o alcalde de Palas coincidiron na boa saúde que ten esta carreira e na predisposición das dúas administracións locais para incentivar a práctica deportiva e a posta en valor dun percorrido envexable que discorre na súa maioría pola ruta xacobea no seu devir de Palas a Melide.
Pola súa parte, os representantes do clube presentaron esta proba como unha media maratón xa consolidada, facendo fincapé nos bos postos e boas críticas que ten tanto a organización como o percorrido, sendo unha carreira bonita a par que dificultosa no seu desenrolo. Desta vez, os integrantes do A.d. Cerne apuntaron a posibilidade de introducir cambios no traxecto ao seu inicio ao pretender incrementar os kilómetros que transcorren polo Camiño de Santiago así como a posibilidade de poñer en valor os produtos típicos de ambos dous Concellos, Queixo e Melindres como agasallo final para os gañadores.
Dicir ademáis que xa están inscritos preto de 300 corredores e se conta chegar a previsión dos anos anteriores e incluso superala. Nesta edición achegaranse como nos anteriores anos xente de diversos puntos xeográficos tanto de Galicia como España, así como diversos corredores e corredoras de renome.
Ningún comentario:
Publicar un comentario