UN GRUPO DE 65
MAIORES ESTREAN O PARQUE MUNICIPAL DE PEDROUZOS, QUE INCLÚE CIRCUITO
BIOSAUDABLE, PARQUE INFANTIL E PISTA DE SKATE
Conta cunha superficie de 1.500 m2 e foi construído grazas a unha
subvención de 100.000 euros da Deputación da Coruña
18 de marzo de
2011. Un grupo de 65 veciños e veciñas de Brión foron os encargados de estrear
o novo parque municipal de Pedrouzos, situado nunha parcela de 1.500 metros
cadrados a carón do campo de fútbol e da entrada/saída da autovía Santiago-Brión.
Os maiores, que participan nas distintas actividades para a terceira idade
organizadas polo Concello de Brión, acudiron xuntos para coñecer as novas
instalacións e o correcto uso das máquinas biosaudables.
Os maiores
estiveron acompañados na súa visita por persoal especializado e polos técnicos
de Servizos Sociais do Concello de Brión, que lles aprenderon a manexar
axeitadamente as máquinas de exercicios do paquer biosaudable instalado nesta
gran área de ocio. “Aprenderon que é moi importante utilizar as máquinas de
forma correcta para evitar lesións e que o seu bo uso é ideal para mellorar a
forma física xeral”, explica Victoria Varela, responsable dos Servizos Sociais
de Brión.
Un parque
biosaudable, o segundo que se constrúe en Brión tras o inaugurado en novembro
de 2010 na rúa das Pedriñas, que está composto por un total de seis máquinas,
que permiterán que os maiores brioneses poidan facer exercicio de xeito
saudable. Cada un deses seis aparellos está preparado para exercitar unha parte
concreta do corpo e todas elas xeran importantes beneficios tanto musculares
como cardiorrespiratorios para os usuarios.
Parque municipal
de Pedrouzos
O parque
municipal de Pedrouzos está estruturado en tres zonas diferenciadas: parque
infantil, parque biosaudable e pista de skate. “Trátase dunha gran área de ocio
para o disfrute de toda a familia, pois inclúe xogos para os nenos, aparellos
de ximnasia para a terceira idade, zonas de paseo e unha área reservada para os
mozos, cunha pista de skate”, sinala o alcalde de Brión, Xosé Luís García.
Unhas obras que
foron financiadas grazas a unha partida de 100.032 euros da Deputación
Provincial da Coruña. A entrada principal do novo parque brionés está situada a
carón do campo de fútbol municipal. Conta cunha serie de sendeiros que
comunican as distintas áreas do parque e que saen de cada unha das catro
entradas das que dispón (entradas que coinciden cos pasos de peóns sinalizados
na zona).
Así, o parque
infantil estará ubicado a carón da entrada principal e dispón de columpios,
balancíns, muelles e unha gran torre de xogos. Ao seu lado está situado o
parque biosaudable, dirixido aos maiores do municipio. Finalmente, ao outro
lado do parque está unha zona reservada para a mocidade de Brión, que dispón
dunha pista de skate para practicar a patinaxe, tanto sobre patíns como sobre
monopatíns.
O novo parque
municipal de Pedrouzos conta cunha iluminación pública, así como con distinto
mobiliario urbano como bancos, papeleiras e mesmo dúas fontes de auga para uso
dos veciños. Ademais, os bancos concéntranse especialmente no entorno do parque
infantil e do parque biosaudable, en previsión de que serán as zonas que máis
adultos concentrarán. Ademais de respectarse as árbores existentes, a zona está
a ser repoboada con especies frondosas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario