UNHA RUTA CABALAR CON 200 XINETES ABRE HOXE SÁBADO A XXIX FESTA DO CABALO DE BRIÓN
O domingo terán lugar o concurso morfolóxico, unha exhibición de doma e o espectáculo do mexicano “Chico” Ramírez, que presentará un método de himnose e monta natural do cabalo
16 de setembro de 2011.- A XXIX Festa do Cabalo de Brión abrirá mañá sábado as súas portas cunha ruta cabalar polos montes de Rañalonga, na que está prevista a asistencia de preto de 200 xinetes procedentes de distintos municipios da comarca, sobre todo de Brión, Ames, Negreira e Noia. Unha festa organizada pola Asociación Festa do Cabalo de Brión nos Montes de Rañalonga (Brión) durante os días 17 e 18 de setembro e que conta coa colaboración do Concello de Brión e a Deputación da Coruña.
A Asociación Festa do Cabalo de Brión agarda repetir o éxito de público da pasada edición, na que preto de 7.000 persoas participaron na festa. Por iso, durante esta semana ultimaron os preparativos no entorno de Rañalonga, habilitando diversas zonas de aparcamento e sinalizando os camiños de chegada á festa. A pesar de que hai distintas pistas de enrada, Manuel Fernández, un dos responsables da Asociación Festa do Cabalo de Brión, recomenda que “a xente entre pola saída da autovía en Brión ou pola rotonda dos Ánxeles, xa que estará todo sinalizado e é doado de chegar”.
A festa comezará o sábado 17 de setembro ás 16:00 horas, momento no que preto de 200 xinetes sairán para facer unha ruta cabalar polo monte Rañalonga, seguindo as beiras do río Tambre. A organización decidiu cambiar de hora a ruta, que durará unhas tres horas e que antes se celebraba en horario de mañá, “porque a xente nos comentou que era o momento que mellor lles viña, polo que esperamos ter unha afluencia maior ca noutros anos”, explica Manuel Fernández.
Mentres eses xinetes participan na ruta cabalar, no recinto de Rañalonga terán lugar as probas de saltos de obstáculos nas súas distintas modalidades (1 metro, Maxi-Mini, Seis barras e Salto de potencia) e, a partir das 21:00 horas, terá lugar unha das probas máis divertidas, a tradicional carreira de burros.
Un himnotizador de cabalos, principal novidade
Na tarde do domingo 18 de setembro, concretamente ás 18:00 horas, terá lugar a principal novidade desta XXIX Festa do Cabalo de Brión. O mexicano Marcelino “Chico” Ramírez, un dos grandes mestres da comunicación con cabalos e unha das primeiras figuras do mundo na especialidade de doma ecuestre natural, presentaralles aos espectadores o seu método de himnose, manexo e monta natural do cabalo. Un espectáculo único en Galicia e que de seguro sorprenderá tanto a expertos como a novatos no mundo do cabalo.
Durante unha hora, “Chico” Ramírez ofrecerá un espectáculo de doma dun cabalo que nunca antes fora montado. Para iso, este enxeñeiro agrónomo mexicano utilizará unha disciplina que denomina “Manejo natural del Caballo”, modalidade que xurde dunha combinación da psicoloxía conductista e da etoloxía (rama da bioloxía que estuda o comportamento dos animais).
Este mestre mexicano asegura que co seu sistema é posible obter xentilmente a cooperación do cabalo nas tarefas que se lle solicitan. Unha demostración que poderán ver en vivo e totalmente de balde todos os que se acheguen o domingo 18 de setembro, ás 18:00 horas, polo monte Rañalonga de Brión.
Programa do domingo
O programa do domingo 18 de setembro inclúe as probas do concurso morfolóxico, que comezarán ás 10:00 horas e que se desenvolverán durante todo o día. Paralelamente, ás 11:00 horas terá lugar unha xincana, seguida co concurso de arrastre (13:00 horas). Ás 14:00 horas farase unha pausa para o xantar. No recinto de Rañalonga haberá unha pulpería privada para todos os que o desexen.
Xa pola tarde, e despois da embertada de xovencas (17:00 horas), terá lugar a exhibición de manexo natural de cabalos de “Chico” Ramírez (18:00 horas) e un espectáculo de doma (ás 19:00 horas). A Festa do Cabalo de Brión rematará pasadas ás 20:00 horas coa entrega dos premios. En total, a XXIX Festa do Cabalo de Brión repartirá 4.050 euros en premios. Dende a Asociación Festa do Cabalo de Brión advirten aos participantes que o maltrato aos animais será motivo de descalificación automática.
Ningún comentario:
Publicar un comentario