BRION – curso de danzas do mundo

O CONCELLO DE BRIÓN ORGANIZA UN CURSO DE DANZAS DO MUNDO

15 de setembro de 2011.- Aprender os pasos e as posicións dalgúns dos bailes máis coñecidos do planeta. Éste é o obxectivo do obradoiro “Danzas do Mundo”, convocado polo Concello de Brión dentro da súa oferta formativa para o vindeiro mes de outubro. Un curso de 8 horas de duración no que os participantes aprenderán recursos e técnicas de animación e interculturalidade a través da aprendizaxe de danzas típicas de diferentes países do mundo, dende as polcas americanas ata danzas indíxenas africanas.

O obradoiro está dirixido especialmente a persoas que traballan con rapaces, pois este tipo de danzas, sobre todo as de tipo circular, son moi recomendables á hora de organizar traballos en equipo. As clases terán lugar os sábados 22 e 29 de outubro no centro social polivalente, en horario de 16:00 a 20:00 horas.

A cota de inscrición é de 20 euros e o prazo de anotación estará aberto ata o 30 de setembro na Casa da Cultura ou a través do teléfono 981 509 908 ou da páxina web voluntariado@briondixital.org. A admisión realizarase por rigurosa orde de inscrición, tendo preferencia os veciños de Brión.

Ningún comentario: