Oscar Ibáñez presenta o seu primeiro traballo discográfico en solitario baixo o título “Alén do mar” (VIR, 2012). Neste disco o gaiteiro e frautista pontevedrés invítanos a unha viaxe sonora que discorre polo Atlántico chea de orixinalidade, imaxinación e creatividade, a través dunha magnífica selección de melodías galegas e latinoamericanas enriquecidas con elementos propios da música celta. O concerto será mañá, xoves 4 de decembro, ás 21.00h no Teatro Principal, dentro do ciclo Sons’14. As entradas, a 10 euros, poden mercarse no despacho de billetes do Principal, aberto de 18.00 a 21.00h, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.
Oscar Ibáñez mestura muiñeiras ancestrais recollidas polo gaiteiro boticario Perfecto Feijóo, composicións celtas do virtuoso violinista Manuel Quiroga ou un tema dedicado ao pirata da Moureira Benito Soto, co arin-arin, un xénero xerado no Camiño de Santiago Norte ou Camiño da Costa ao seu paso por Euskadi, o flamenco e outras músicas denominadas de ida e volta coma a habanera, o choro, o valse venezolano ou o tango, que atopou na outra ribeira. Para esta nova proposta Oscar Ibáñez inspirouse no poema “O fillo de Celt” do cambadés Ramón Cabanillas aclamado como “Poeta da Raza”. Tras descubrir este poema Oscar Ibáñez, tamén de Porto Santo (San Salvador de Poio, Pontevedra) e bo coñecedor de América, recoñeceuse nos seus versos e asumiu emocionado a tarefa de irmandar musicalmente o Vello e o Novo Mundo, a través das músicas de ida e volta e temática da emigración galega a América latina, nunha mestizaxe fresca, moderna e innovadora. Para poñer son a esta epopea transatlántica Oscar Ibáñez desenvolveu unha labor a medio camiño entre a investigación e a creación realizando así unha fusión sen límites, que ten coma resultado un novo e único son.
Para gravar “Alén do mar” Oscar Ibáñez contou cos excelentes músicos da súa Tribo formada por Fernando Fraga, Harry Price, Carlos Calviño, Paco Dicenta e Andrés Vilán, e coa colaboración doutros magníficos músicos experimentados entre os que figuran os galegos Javier Cedrón, Marcos Teira, Pedro Pascual, Xulio Abal, Alba Barreiro, Simón García, Carlos Castro, Luís Prego, Cristóbal Pascual, Xan Pampín, Moisés Fernández, María Rial e Pedro Rial, o gaditano Francisco Benítez, o navarro Íñigo Aguerri, o vasco Xabier Berasaluze “Leturia”, o irlandés Diarmaid Moynihan, o cubano Oscar Rodríguez, os brasileiros Sergio Tannus e Paulo Silva, os arxentinos Juan Rivero, Federico Santisteban, Nicolás Tabbush e Ángel Bonura e os venezolanos Pablo Camacaro e Néstor Gil. Para a coprodución diste traballo Oscar Ibáñez confiou na creatividade do guitarrista vigués Carlos Calviño.

Oscar Ibáñez. Nado en Pontevedra en 1976. Mestre en Educación Musical, Especialista Universitario en Música Tradicional Galega, Especialista Universitario en Arquivística, Grao Profesional LOE na especialidade de gaita de fol galega e cursou estudos oficiais de frauta de bico. Dende 2004 traballa no Arquivo Sonoro do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra onde foi quen de reunir unha colección de 9.000 gravacións sonoras galegas que están a disposición dos cidadáns para a súa consulta
Comezou a tocar a gaita en 1984 con Laureano Mera no grupo "Treboada" de Poio que en 1987 pasou a chamarse “Cristóbal Colón”. Entre 1989 e 2004 formou parte da "Agrupación Folclórica Celme" de Pontevedra coa que participou en numerosos festivais internacionais por toda Europa, nos que entrou en contacto con gaiteiros asturianos, escoceses, irlandeses, bretóns ou búlgaros. Dende 1995 dirixe o "Grupo de Música Tradicional Pai da Cana" co que actuou por toda Galicia e gravou varios traballos. En 1997 comeza a colaborar coa Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia impartindo cursos de gaita e percusión nos centros galegos de América e Europa.
Acadou máis de corenta de premios nos concursos de gaita galega de maior prestixio converténdose nun dos gaiteiros galegos máis galardoado tanto en dixitación aberta como pechada. En 2008 crea a Asociación de Toque Pechado de Pontevedra, unha iniciativa para a recuperación e difusión das formas de expresión musical gaiteiras propias e diferenciais de Pontevedra como o sistema pechado de Manuel Villanueva, Perfecto Feijóo e Xan de Campañó ou o sistema semipechado de Ricardo Portela.
Como músico e produtor aparece en numerosos traballos discográficos como: Alén do mar (VIR, 2012), Son de Poio (Ed. do Cumio, 2009), Musgafol: gaita e piano (Dos Acordes, 2009), Foliada nas Rías Baixas: Homenaxe a Ricardo Portela, o Mestre (Ed. do Cumio, 2008), Agrupacións de Pontevedra: Agrupacións da Provincia (Deputación de Pontevedra, 2008), A música que facemos (Xunta de Galicia, 2008), Himnos e Marchas Procesionais de Galicia (Clave Records, 2007), paidacana12 (Ed. do Cumio, 2006), De ruada en Bos Aires (Ed. do Cumio, 2006), In Mare (Ed. do Cumio, 2003) y Ruta Folk: Terra Galega (Disco Trompo, 1998) entre outros.
Realiza traballos como investigador musicólogo e é o creador e organizador do "Encontro de Gaiteiros MANUEL VILLANUEVA gaitas de fol do noroeste", e mais dos espectáculos "MUSGAFOL" (gaita-piano, gaita-banda e gaita-orquestra), e "JUELLES: Encuentro de Gaitas Europeas". En 2010 organizou os concertos dos "JUEGOS NÁUTICOS ATLÁNTICOS CANTABRIA 2010".
Participou en importantes festivais coma o Festival Intercéltico de Lorient, Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, Festival Intercéltico do Morrazo ou o Festival Folk Canarias. Así mesmo colaborou en diferentes proxectos con gaiteiros galegos de renome como Paulo González, Iván Costa, Edelmiro Fernández ou Pablo Devigo e cos internacionais Patrick Molard, Diarmaid Moynihan, Ventzislav Andonov.
Na actualidade está a presentar a seu primeiro disco en solitario “Alén do mar” coa súa banda de directo "Oscar Ibáñez & Tribo", formada por músicos galegos de recoñecida traxectoria como Fernando Fraga, Harry Price, Carlos Calviño, Paco Dicenta e Andrés Vilán, cos que actuou en distintos puntos da península como Galicia, Cantabria, Cataluña, León, Madrid, Andalucía e Canarias, así coma en Bretaña e Italia.
FERNANDO FRAGA acordeón
HARRY PRICE violín
CARLOS CALVIÑO guitarras
PACO DICENTA baixo
ANDRÉS VILÁN percusión / batería
ÓSCAR IBÁÑEZ gaita / frautas