Amosando publicacións coa etiqueta BAMAD. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta BAMAD. Amosar todas as publicacións

Bamad Galicia - os arquiveiros e bibliotecarios reclaman a Xunta mellores orzamentos

O proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2015 conxela todas as partidas para Bibliotecas e reduce un 8,3% as de Arquivos. Estas mínimas dotacións orzamentarias continúan asfixiando os centros, proceso iniciado hai xa varios anos, e seguen a reducir as posibilidades de levar unhas políticas arquivísticas e bibliotecarias que se adecúen á realidade do noso país.

Os orzamentos non son bos. No conxunto orzamentario 2015 os orzamentos da Xunta medran un escaso 0,5%, sen embargo nesas partidas o orzamento para cultura estáncase e queda na mesma cantidade que no 2014. Aínda sendo o mesmo globalmente para a cultura, os arquivos reducen o seu orzamento nun 8,3%.

Estes datos son especialmente negativos xa que levamos acumulados anos de recortes orzamentarios. A isto debemos engadir que nos encontramos nun momento no que, tanto os arquivos como as bibliotecas, requiren dun impulso que debe ser apoiado economicamente. Acaba de ser aprobada a Lei de Arquivos (Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20141007/AnuncioC3B0-021014-0001_gl.html), lei que temos valorado como un avance, malia recoñecemos a súa eiva económica, xa que non establece compromisos de financiamento que permita desenvolvela, como xa manifestamos en varias ocasións (http://anabadgalicia.wordpress.com/2014/03/28/arquivos-publicos-e-futura-lei-de-arquivos/ . Contar cunha lei de arquivos eficaz require contar tamén con partidas adecuadas para o seu desenvolvemento.

As Bibliotecas encóntranse nunha situación similar. A lei aprobada no 2012 está pendente de desenvolver ferramentas que a farán máis útil e eficaz. Está pendente de rematar o Mapa de Bibliotecas e aprobar e publicar os Indicadores de bibliotecas así como establecer elementos de cooperación bibliotecaria que permitan que todas as administracións colaboren na mellora das bibliotecas. Ferramentas que consideramos imprescindibles. Por outro lado, a creación de novos servizos como de Galicia Le (http://www.galiciale.es ), que valoramos moi positivamente e que facilita o acceso á lectura de libros electrónicos a todas as persoas asociadas ás bibliotecas galegas requiren de máis apoio para ofertar máis títulos e novos servizos.

Ante esta situación, os profesionais reclamamos da Xunta de Galicia un esforzo en materia de orzamentos para arquivos e bibliotecas, centros rendibles social e tamén economicamente, e que cese a asfixia económica que supón a súa redución orzamentaria.

BAMAD - Sobre a subvencións a bibliotecas da Xunta de Galicia

Declaración de BAMAD (Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia) Galicia ante a Orde da Consellería de Cultura de subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas municipais 2014.

A Consellería de Cultura publica a Orde de subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas municipais para o período do 1 de xaneiro de 2014 ao 15 de abril de 2015, DOG n. 189  de 3 de outubro de 2014

Esta orde convócase por un período plurianual para o ano 2014 e o primeiro trimestre de 2015. Na orde indícase que poden acceder unicamente a esta convocatoria os concellos de menos de 30.000 habitantes. Ademais das 7 cidades, quedan fora da convocatoria, os concellos de Arteixo, Carballo, Narón, Oleiros e Vilagarcía (segundo os datos de poboación do INE a 1 de xaneiro de 2013). O conxunto dos concellos excluídos desta convocatoria representan o 42% da poboación de Galicia.

Desta maneira incúmprense a obriga da administración de “establecer anualmente nos seus orzamentos programas para a adquisición de fondos e recursos tecnolóxicos, actividades de difusión e formación do persoal e outros que puideren considerarse necesarios para a Rede de bibliotecas públicas de Galicia” xa que se refire a toda a Rede de Bibliotecas e non só a unha parte da mesma, como se recolle na Lei de Bibliotecas de Galicia.

A xustificación da Xunta para deixar for a a estes concellos é "acadar unha maior cohesión territorial de Galicia e a necesidade de asegurar que os concellos de menor poboación e con menores recursos para dotar os seus servizos bibliotecarios poidan recibir unha cantidade que realmente lles permita actualizar os seus fondos e prestar un servizo aos seus usuarios de similar calidade que o que reciben os dos concellos máis poboados de Galicia, que recibiron nos anos anteriores maior volume de recursos, xustifica a necesidade de concentrar todo o orzamento dispoñible unicamente nos concellos de poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes."

Sen embargo a propia orde incorre en contradición xa que as cantidades máximas que se van conceder por concellos é en moitos casos ridícula e esas axudas en nada van favorecer esa cohesión territorial que se menciona. Desta maneira as axudas serán das seguintes cuantías segundo a poboación do concello:

– Menos de 2.000: recibirán un máximo de 500€
– De 2.001/5.000: recibirán un máximo de 1.000€
– De 5.001/10.000: recibirán un máximo de 1.500€
– De 10.001/20.000: recibirán un máximo de 2.000€
– De 20.001 a 30.000: recibirán un máximo de 2.500€

En anos anteriores as axudas de cofinanciamento recollían unhas condicións nas que a Consellería aportaba unha porcentaxe para as adquisicións dependendo das cantidades aportadas por cada concello, o que favorecía que os concellos se implicasen no mantemento da colección das súas bibliotecas se querían participar deste programa de axudas.

Agora xa non se solicita a mesma implicación dos concellos e ademais “penalízase” aos concellos de maior poboación que son  tamén os que máis cidadáns teñen que atender e, normalmente, os que máis invisten nas bibliotecas por ter unha maior poboación.

Por outro lado desde BAMAD (Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia
(antes denominada ANABAD Galicia) Galicia recoñecemos que as axudas deben favorecer unha maior cohesión territorial beneficiando as bibliotecas menos desenvolvidas, pero isto non se debe facer excluindo a outras bibliotecas. Por outro lado as partidas de “cohesión” indicadas máis arriba en nada van axudar a mellorar as coleccións xa que se trata de partidas ridículas para os concellos máis pequenos.

Ademais a estas axudas teremos que descontarlle a obriga legal que teñen os concellos de pagar o canon de bibliotecas. Canon contra o que a nosa Asociación se ten manifestado (http://anabadgalicia.wordpress.com/2014/08/19/declaracion-prestamo-pago-bibliotecas/) e que moitos concellos están votando en contra da súa aplicación. Este canon foi recorrido ante o tribunal supremo e está sendo debatido en concello e parlamentos de todo o estado posicionándose en contra de que sexan os concellos quen teñan a obriga de realizar este pago.

Para a mellora das bibliotecas e das súas colección cremos que é necesario desenvolver a Lei 5/2012 de Bibliotecas no que respecta ao tipo de bibliotecas e servizos que deben ofrecer. O desenvolvemento de novos servizos poden ser levados a cabo por bibliotecas supramunicipais que faciliten ofrecer máis servizos e acceder a máis fondos que os propios aportados por cada concello.


Por último, cremos que as entidades de profesionais que traballamos a favor dos servizos bibliotecarios deberíamos ser consultados e ofrecemos a nosa colaboración para participar no desenvolvemento e mellora destes servizos.

ANABAD - Contra o préstamo de pago nas bibliotecas

Declaración de ANABAD-Galicia ante o decreto que regula o préstamo de pago nas bibliotecas.

O Real decreto 624/2014 de 18 de xullo, publicado o día 1 de agosto de 2014,determina o pago de dereitos de autor polo préstamo de pago para arquivos, museos e bibliotecas. Sendo estas últimas as máis afectadas por ser as que realizan principalmente este servizo de préstamo a usuarios.

Este decreto é unha transposición dunha directiva da Unión Europea que obriga a regular o préstamo de pago aos autores. Na reforma da Lei de Propiedade Intelectual española de 2007 xa se recollía este dereito que estipulaba o pago de 0,2€ aos autores por cada obra dispoñible ao préstamo nas bibliotecas e que o Estado fixo efectivo pagando polo total das bibliotecas en 2008 e, a partir do 2009, polas bibliotecas públicas de titularidade estatal.

O Real decreto deixa fora desta obriga de pago ás bibliotecas de centros educativos, ás bibliotecas de poboacións con menos de 5.000 habitantes e aquelas destinadas a atender persoas con minusvalías.

Establece o pago para aquelas bibliotecas de poboacións de máis de 5.000 habitantes, é dicir a maioría dos concellos que, ademais, pola Lei de Bases de Réxime Local, teñen a obriga de prestar ese servizo.

O decreto establece o pago de:

- 0,004€ por préstamo realizado (a comezar a contar no 2016)

- 0,05€ por usuario inscrito nas bibliotecas (desde xa, polo que se comezará a aplicar no primeiro semestre de 2015)

Mentras non se pode aplicar o pago por préstamo, establécese o canon de 0,16€ por obra adquirida pola biblioteca e dispoñible ao préstamo.

Teremos aínda que coñecer o regulamento que especificará como se vai ter en conta estes datos para poder facer o pago de forma efectiva. O decreto establece que son as entidades xestoras dos dereitos de autor quen recadarán estas cantidades.

Como afecta isto ás bibliotecas galegas?

En primeiro lugar fai recaer o peso do pago sobre os Concellos que son os servizos máis próximos á cidadanía e que máis invisten en cultura e infraestruturas culturais e que, contrariamente, son as que menos recursos dispoñen e que teñen que facer un sobre-esforzo sobre os seus minguados orzamentos.

As bibliotecas levan anos de caída dos seus orzamentos enon poden facer frente a un canan que as vai afogar aínda máis.

O decreto non contempla as diferentes realidades dos sistemas bibliotecarios. No caso galego non existe un carné de usuario único, polo que moitos usuarios son socios de máis de unha biblioteca. Desta maneira o decreto obriga a pagar máis de unha vez polo mesmo usuario.

Da mesma maneira as bibliotecas que teñan socios doutros concellos ademais do propio, obrigan aos seus concellos a pagar por usuarios que non son cidadáns do concello propietario da biblioteca.

As bibliotecas que prestan máis servizo e que teñen máis fondos e maior número de préstamo son prexudicadas ao teren que aportar máis por dar un maior e mellor servizo o que repercutirá en que teñn que baixar o seu nivel de calidade e de servizos prestados e mesmo das súas adquisicións.

Nas bibliotecas de menor tamaño e/ou con menores orzamentos pódese dar a paradoxa que o pago do canon sexa maior que o seu orzamento para adquisicións de obras.

Obrígase ás bibliotecas a ter que prestar menos servizos, realizar menos compras e menos préstamos para que os concellos propietarios da biblioteca poidan pagar menos cantidade polo canon.

As bibliotecas como escaparate da cultura e dos autores:

As bibliotecas fomentan a cultura e a lectura, moitos autores son coñecidos e as súas obras son vendidas porque son difundidas nas bibliotecas. Se as bibliotecas dan menor servizo e adquiren menos fondos tamén repercutirá negativamente na promoción dos autores e estes deixarán de percibir ingresos por dereitos de autor. Polo tanto, os autores tampouco saen gañando con este decreto.

Que opinamos desde Anabad-Galicia:

1) Cremos no dereito dos autores a recibir ingresos por compensación do uso das súas obras como se recolle na LPI (Lei de Propiedade Intelectual).

2) O dereito dos autores a cobrar polas súas obras non pode ser incompatible coa difusión pública da cultura.

3) Non se pode facer recaer o peso da remuneración aos autores sobre as bibliotecas municipais, e os concellos, que prestan os seus servizos de proximidade á cidadanía e que promoven a lectura e a cultura. 

4) O Estado debe establecer coas sociedades de xestión de dereitos de autor un pago único anual polos servizos prestados nas bibliotecas que non obrigue a xogar cos números sobre usuarios inscritos, préstamos realizados e adquisicións de obras.

5) O Estado e/ou as Comunidades autónomas son as que deben facer efectiva a remuneración aos autores sen que recaia o peso nos Concellos.

ANABAD-Galicia axudará a crear e/ou apoiará as iniciativas que desde a sociedade se leven a cabo para facer desaparecer ou minimizar o impacto deste canon nas bibliotecas públicas.

ANABAD - preocupación dos arquiveiros galegos polos traslados das institucións o Gaias


COMUNICADO DE ANABAD-GALICIA ANTE O PLAN ESTRATÉXICO GAIÁS-CIDADE DA CULTURA

A Asociación ANABAD-Galicia que agrupa os profesionais dos servizos de arquivos, bibliotecas, museos e centros de documentación de Galicia, ante a presentación do Plan estratéxico do Gaiás-Cidade da Cultura desexa manifestar a súa fonda preocupación ante a reunión nunha soa sede do Arquivo e a Biblioteca de Galicia, porque supón unha considerable perda de identidade e de visibilidade de ambas as dúas institucións, e contribúe a incrementar a confusión entre as misións e funcións dos dous centros, do que pode derivar a desvertebración tanto do Arquivo coma da Biblioteca e, incrementar os problemas de funcionalidade dos edificios, ata facer inviable a súa operatividade.

ANABAD Galicia - dia internacional dos arquivos



Manifesto de ANABAD-Galicia con motivo da celebración do Día Internacional dos Arquivos

O 9 de xuño de 20012, día Internacional dos Arquivos, en ANABAD Galicia será un día para:

Seguir a defender que o traballo dos arquiveiros do sector público é fundamental para garantir a transparencia do funcionamento das institucións e mellorar a calidade da nosa democracia.

ANABAD Galicia - comunicado polo peche da biblioteca de Caja Madrid


DECLARACIÓN DE ANABAD-GALICIA ANTE O PECHE DA BIBLIOTECA DA OBRA SOCIAL DE CAJA MADRID EN SANTIAGO DE COMPOSTELA


ANABAD-Galicia posicionouse no pasado mes de novembro contra algunhas decisións das administracións públicas de reestruturación de servizos que están a afectar seriamente a todos os ámbitos, e especialmente ao campo da cultura, con incidencia directa nos arquivos, bibliotecas e museos.