O proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2015 conxela todas as partidas para Bibliotecas e reduce un 8,3% as de Arquivos. Estas mínimas dotacións orzamentarias continúan asfixiando os centros, proceso iniciado hai xa varios anos, e seguen a reducir as posibilidades de levar unhas políticas arquivísticas e bibliotecarias que se adecúen á realidade do noso país.
Os orzamentos non son bos. No conxunto orzamentario 2015 os orzamentos da Xunta medran un escaso 0,5%, sen embargo nesas partidas o orzamento para cultura estáncase e queda na mesma cantidade que no 2014. Aínda sendo o mesmo globalmente para a cultura, os arquivos reducen o seu orzamento nun 8,3%.
Estes datos son especialmente negativos xa que levamos acumulados anos de recortes orzamentarios. A isto debemos engadir que nos encontramos nun momento no que, tanto os arquivos como as bibliotecas, requiren dun impulso que debe ser apoiado economicamente. Acaba de ser aprobada a Lei de Arquivos (Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20141007/AnuncioC3B0-021014-0001_gl.html), lei que temos valorado como un avance, malia recoñecemos a súa eiva económica, xa que non establece compromisos de financiamento que permita desenvolvela, como xa manifestamos en varias ocasións (http://anabadgalicia.wordpress.com/2014/03/28/arquivos-publicos-e-futura-lei-de-arquivos/ . Contar cunha lei de arquivos eficaz require contar tamén con partidas adecuadas para o seu desenvolvemento.
As Bibliotecas encóntranse nunha situación similar. A lei aprobada no 2012 está pendente de desenvolver ferramentas que a farán máis útil e eficaz. Está pendente de rematar o Mapa de Bibliotecas e aprobar e publicar os Indicadores de bibliotecas así como establecer elementos de cooperación bibliotecaria que permitan que todas as administracións colaboren na mellora das bibliotecas. Ferramentas que consideramos imprescindibles. Por outro lado, a creación de novos servizos como de Galicia Le (http://www.galiciale.es ), que valoramos moi positivamente e que facilita o acceso á lectura de libros electrónicos a todas as persoas asociadas ás bibliotecas galegas requiren de máis apoio para ofertar máis títulos e novos servizos.
Ante esta situación, os profesionais reclamamos da Xunta de Galicia un esforzo en materia de orzamentos para arquivos e bibliotecas, centros rendibles social e tamén economicamente, e que cese a asfixia económica que supón a súa redución orzamentaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario