O BNG de ordes solicita a convocatoria dun pleno extraordinario

Ordes, 19/08/2016 - O BNG de Ordes ven de presentar unha solicitude para a convocatoria dun pleno extraordinario no que se inclúa na orde do día a súa moción en contra do vertedoiro que Reciclaje ambiental Lesta S.L. intenta implantar na parroquia de Lesta.
Segundo o voceiro nacionalista, Pablo Vidal, “durante o mes de agosto non se convocan plenos ordinarios en Ordes, polo que de non celebrarse un pleno extraordinario habería que agardar ata finais de setembro”. Vidal recorda ademais que “a urxencia está mais que xustificada, xa que se trata dunha actuación que atenta contra os intereses socioeconómicos e medioambientais da veciñanza de Ordes e da comarca”.

Un dos acordos que propoñen os nacionalistas na súa moción é esixir á Consellería de Medioambiente e Ordenación do Territorio que someta novamente a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada do vertedoiro, xa que segundo Vidal “poden existir defectos de forma na tramitación pola retirada prematura da documentación na páxina web da consellería”.

Outros dos acordos que recolle a moción do BNG son a repulsa do pleno do concello de Ordes á instalación de dito vertedoiro, o rexeitamento da centralización do almacenamento e xestión dos residuos de toda Galiza na comarca de Ordes e a modificación do P.X.O.M. de Ordes para establecer na zona un solo rústico de especial protección dos espazos naturais, que dificulte a implantación de novos vertedoiros.

Os nacionalistas agardan que o alcalde atenda a súa solicitude da celebración deste pleno extraordinario, xa que na súa opinión “o non facelo, sería unha nova irresponsabilidade do alcalde ao non ter informado á veciñanza do procedemento”.

Ningún comentario: