Ames, 15/07/2016 - As persoas amantes da música tradicional teñen unha cita en Ames este venres, 15 de xullo, que comeza cedo, ás 11:30 horas no local social de Agrón. Alí o músico, compositor e investigador Xabier Díaz impartirá un obradoiro de percusión tradicional galega. Durará tres horas cunha pausa para o xantar. Pola noite o músico ofrecerá un concerto en solitario na Ponte Maceira, onde compartirá este escenario tan especial coas Maianas, agrupación de pandereteiras ben coñecida entre a veciñanza amesá e nos escenarios e prazas alén do Val da Maía.
O obradoiro impartido por Díaz centrarase en tres instrumentos propios da música galega: a pandeireta, a pandeira e o pandeiro cadrado ou adufe. Nestes dous últimos reside en boa parte o valor desta “aula maxistral”. O músico afirma que, se ben a día de hoxe “é moi doado acceder a clases de pandeireta se se quere aprender a tocar este instrumento”, no caso da pandeira ou do pandeiro cadrado “é máis complicado”. El mesmo reivindica a súa labor de investigación, contactando con tocadoras destes dous instrumentos e a inclusión dos mesmos no seu último traballo.
Os adufes son, xunto coas pandeiretas, os grandes protagonistas de The Tambourine Man. “Adicarei unha hora a cada un destes instrumentos”, relata, “adaptándome ao nivel do público, que neste tipo de obradoiros sempre adoita ser moi heteroxéneo”. Aínda quedan prazas libres para esta actividade. O prezo do obradoiro é de 20 euros, aos que se suman 13 euros para quen queira participar no xantar colectivo que se ofrece en Casa Gasamáns.
O músico explica a dobre ligazón que ten con Agrón e coa Ponte Maceira. Se no primeiro lugar realizou gravacións e aprendeu “das tocadoras da zona”, no segundo gravou “o primeiro vídeoclip do seu último traballo, coa canción Cantiga da Montaña”. Ademais del as persoas que se acheguen á Ponte Maceira, a partir das 22:30 horas, poderán gozar dun concerto a cargo do propio Xabier Díaz e do grupo de padereteiras As Maíanas.
Deste xeito, Xabier Díaz volta a Ponte Maceira para ofrecer un concerto en solitario “acompañado por instrumentos de percusión”. “Teño un vínculo especial con este lugar porque alí gravei o primeiro vídeoclip do meu último álbum, The Tambourine Man”, explicou o músico. O concerto enmárcase na programación das Noites en Vela, espectáculos que acolle a Ponte Maceira á luz das candeas. O deste venres comezará ás 22:30 horas. Xunto a Xabier Díaz tocarán As Maianas.
O grupo de pandereteiras As Maianas comeza a xestarse no Obradoiro de Baile e Música Tradicional do Concello de Ames, onde as súas integrantes se coñecen, fanse amigas e deciden comezar xuntas este proxecto musical. Dende entón recibiron varios premios, entre eles o Premio do Xurado do concurso da Radio Galega “Vas sacar nota?” en 2012 e o concurso Novos Valores promovido polo Festigal, no ano 2015. Ademais de tocar polas catro provincias galegas, tanto en escenarios como tomando as rúas e as prazas cos seus instrumentos, teñen gravado varios traballos e colaborado con numerosos grupos galegos, como Quiodlibet ou Os Coribantes. Actualmente están traballando na gravación doutro álbum.
Ningún comentario:
Publicar un comentario