Lalín, 15/07/2016 - O Concello de Lalín reunirá o vindeiro sábado, 16 de xullo, aos 52 novos alcaldes e alcaldesas de barrio, que foron elixidos nun proceso democrático que amosou o compromiso do Goberno e das veciñas e veciñas do rural coas súas aldeas e parroquias. O elevado número de candidaturas presentadas ao proceso e a importante participacións nas votacións “deixa claro”, en palabras do alcalde, “o rotundo éxito dunha medida que supuxo dar cumprimento, en menos de un ano, a un dos obxectivos que o Goberno se marcou como reto estratéxico dende a súa toma de posesión”.
Co acto deste sábado, que se celebrará ás 11.00 horas no Quilómetro Cero, o Goberno municipal quere poñer en valor os resultados dun procedemento que dende hai meses “nos está permitindo ter unha vía de comunicación aberta, constante e fluída coa xente do noso rural, unha circunstancia que ao mesmo tempo nos serve para coñecer de maneira permanente as necesidades de cada parroquia e darlles cumprida resposta no menor prazo de tempo posible”. En todo caso, Rafael Cuíña tamén insiste en que “a celebración do sábado non supón de ningunha maneira un punto e final, senón que se trata de darlle un novo pulo a todo o traballo que queda por facer para acadar a recuperación do noso rural despois de anos de abandono por parte do anterior Goberno”. “É”, insiste o mandatario, “un obxectivo no que debemos ir todos da man: os representantes públicos do Concello, os alcaldes e alcaldesas de barrio e a propia veciñanza das nosas aldeas e parroquias. Estou convencido que actuando de forma conxunta conseguiremos que Lalín volva a ter un rural á altura do que merecen os seus habitantes e nos demandan todos os cidadáns”.
A elección dos representantes veciñais púxose en marcha nas 52 parroquias do concello presentándose como candidatas ao cargo un total de 88 persoas. O proceso rematou con 43 alcaldesas e alcaldes nomeados. Destes, 30 foron elixidos en urna de modo absolutamente democrático pola veciñanza, mentres que 13 tiveron que entregar un aval co respaldo de canto menos o 10% do censo parroquial, ao seren os únicos candidatos nas súas respectivas localidades. Foron só 9, entre máis de 50, as parroquias nas que non se obtiveron candidaturas. Nestes casos, tal e como especifica o Regulamento, foi o alcalde o encargado de nomear o cargo parroquial, proceso que rematou esta mesma semana. En total elixíronse como representantes 15 mulleres e 37 homes. En xeral ten relevancia a gran cantidade de mozas e mozos que foron electos, “o que proporcionará a entrada de aire fresco no rural lalinense”.
O proceso despertou un palpable interese entre a cidadanía da maioría das parroquias, sendo 14 os lugares onde se postularon 2 candidaturas, 13 nas que houbo 3 e 3 nas que se presentaron ao cargo ata 4 candidatos, evidenciándose así o desexo dos habitantes do rural por formar parte deste procedemento participativo e democratizador. A participación nas eleccións moveuse na meirande parte dos lugares onde houbo eleccións en índices de entre o 30 e o 50%, aínda que foron varios os casos nos que se achegou a votar máis do 50% do censo electoral (Maceira 69%, Anseán 69% , Palio 62%, Cercio 65%, Sello 66%). En total exerceron o seu dereito ao voto 2.296 persoas, o que volve poñer de manifesto a boa acollida do proceso.
O concelleiro de Rural, Miguel Medela, dixo sentirse “moi satisfeito e orgulloso dos resultados acadados no proceso, onde se superaron con nota os nosos obxectivos”. Medela considera que a elección democrática dos novos representantes veciñais “servirá sen dúbida para revitalizar o rural e para avanzar na súa recuperación, algo que queremos poñer de manifesto no acto deste sábado”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario