O PP denuncia o estado de varios puntos de vertidos incontrolados

Santiago, 10/07/2016 O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, presentou  unha proposición para que o Goberno local tome medidas urxentes e poña fin dunha vez por todas á proliferación de puntos de vertidos incontrolados no termo municipal. Con esta iniciativa, que trasladará ao vindeiro pleno, urxe ao concello a que “actúe con dilixencia e rigor, que vixíe, se preocupe e ocupe destes puntos de vertidos incontrolados”.
Tal e como subliñou Agustín Hernández, esta proposta vén motivada polo desprezo de Compostela Aberta a unha moción presentada polo PP no pleno de decembro -que fora aprobada por unanimidade de todos os grupos, incluído o do propio Goberno- para proceder á retirada e prevención deste tipo de vertidos. “A pesar de ter pasado máis de medio ano e da facilidade dalgunha das medidas que se propoñían, observamos que Compostela Aberta non cumpriu ningún dos acordos adoptados”, lamentou Agustín Hernández, quen subliñou que esta é unha mostra máis do “deixamento e pasotismo” do Goberno local.

“A situación -engadiu- non só non é a mesma senón que, nalgúns casos, ten empeorado”. Así, nos lugares que se citaban hai sete meses seguen existindo vertidos incontrolados, como é o caso do camiño pola traseira do Mercado de Amio -cheo de lixo de moi distinta natureza-; do acceso ao depósito do Tambre, no lugar do Son de Arriba e en Conxo -con materiais de obra-; das inmediacións do acceso ao Monte Pedroso, onde foron retiradas as neveiras das que demos conta a finais de ano, pero agora hai restos de pezas de baño e outros refugallos; e da Granxa de San Lázaro. Mención especial merece o acceso ao clausurado vertedoiro de Aríns, preto do lugar de Fornás, onde nestes últimos meses se forzou o seu cerramento principal, para permitir o acceso de vehículos ao interior, podendo constatarse un incipiente depósito de diversos materiais nalgunhas zonas da súa extensa superficie. “Hai un deixamento constatado por parte de Compostela Aberta”, denunciou.

E é que tal e como indicou, non hai constancia de que se acometera unha campaña de detección, eliminación de vertidos e recuperación dos terreos afectados, tal e como se acordara no pleno de decembro. Do mesmo xeito, tampouco se levou a cabo a sinalización e información expresa sobre a prohibición, alternativas e consecuencias dos vertidos nos lugares que continúan a rexistrar aportes de refugallos, nin na páxina web municipal. O voceiro popular botou en falta, tamén, unha vixilancia frecuente destes lugares -a proba máis evidente é io clausurado vertedoiro de Aríns, onde se advirte que a apertura do seu acceso non é cuestión de semanas-.

Por todo iso, presentou esta mañá dita proposición para que o Goberno local poña en marcha canto antes as medidas acordadas no pleno de decembro, isto é: a retirada e a prevención de vertidos incontrolados, das cumprida información pública das actuacións acometidas en ditos lugares, e traballar para acadar unha maior concienciación cidadá sobre este grave problema. Nesta mesma liña, Agustín Hernández urxe ao concello a que na maior brevidade se proceda a pechar o acceso principal do vertedoiro clausurado de Aríns, revisando a situación do peche perimetral e implementando novas medidas de reforzo que evite a súa utilización como depósito de refugallos. “Mentres hai unha importante falla de control, Compostela Aberta mira para outro lado”, sentenciou.

Ningún comentario: