Santiago, 13/07/2016 - “O Goberno local está máis preocupado en salvar o contrato coa empresa encargada de acompañar o proceso que en facer as cousas ben”, así se referiu o concelleiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, ao proxecto de orzamentos participativos. Neste senso, criticou que “a suposta nova democracia de Compostela Aberta vai ser unha chafallada”, por ser un proceso confuso, escaso de rigor e de seriedade.
O concelleiro popular alertou, tamén, da perda de capital social que supón ningunear as asociacións veciñais, polo que incidiu en que o lóxico sería que o Goberno local primase o diálogo coas entidades: “Algunhas non asisten, outras abandonan a sesión e algunhas das que permanecen todo o encontro manteñen unha actitude crítica e de desapego”.
Sánchez-Brunete incidiu, tamén, en que se trata dun proceso tramposo, debido á que non hai garantías de que as propostas máis votadas sexan finalmente as aprobadas: “Compostela Aberta intenta vender unha nova fórmula democrática, cando o debate está dirixido, tal e como acontece coas áreas territoriais -antes, denominadas distritos-, que foron impostas pola empresa e polo Goberno local, a pesar de non contar co visto bo dos veciños”.
Á vista das tres reunións celebradas ata a data, Sánchez-Brunete considerou que o proceso constitúe “unha involución e unha estafa democrática, xa que o que se está configurando é un proceso asembleario, pero non democrático”. “Defenden -engadiu- unha paleodemocracia; isto é, a democracia do Paleolítico, sen garantías respecto ao dereito a voto e á imparcialidade do órgano que canalice o proceso”.
O concelleiro tamén advertiu de que hai problema de lexitimidade: “O 99,9% da poboación de Santiago non participa nas reunións nin tampouco está representada no proceso no que se aproba o regulamento”. Onte, no CSC de Fontiñas, asistiron unicamente 50 persoas: “Ou os veciños desprezan o proceso ou o goberno non os convocou. A participación da que presume Compostela Aberta brilla pola súa ausencia”. “Non é serio -engadiu- que as normas que afectarán a preto de 80.000 persoas sexan aprobadas por medio cento de persoas”.
Por todo isto e para valorar a dubidosa lexitimidade democrática de todo o proceso, o grupo popular solicitou ao Goberno local unha copia dos documentos nos que estean reflectidas as invitacións cursadas para participar nas tres reunións do denominado Grupo Motor. Do mesmo xeito, os populares queren coñecer a relación de persoas que participaron en cada unha delas. “É un grupo indefinido, cambiante e mixto. Tres reunións con persoas diferentes que non están identificadas”, lamentou Sánchez-Brunete.
Para finalizar, o concelleiro popular advertiu que “non hai nin unha soa habilitación legal nin sabemos como encaixarán os Orzamentos Participativos no regulamento do concello e no marco normativo”; e pediu unha maior claridade por parte da empresa e do Goberno local respecto do peso das asociacións veciñais e así como tamén do voto electrónico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario