O grupo vigués Xardín Desordenado presenta na Casa das Crechas Aprendendo a ladrar (Sul 2015), o seu segundo disco, que musica textos de 17 poetas galegas. Dende a máis veterana Rosalía ata a benxamina Lucía Aldao, os textos das 17 poetas reflicten a evolución (non só poética) da muller nas últimas décadas; unha aventura histórica que se narra neste traballo discográfico e nos concertos que ofrecen ao público.
Fai un tempo, a xente de Xardín Desordenado focalizou a súa atención no universo feminino, tal vez influidos por determinadas evidencias: dende 1963 designáronse 52 autores no Día das Letras Galegas. Dos 52, únicamente 3 foron mulleres: Rosalía de Castro, Francisca Herrera e María Mariño.
Aos xardineiros gústalles contrapor a ese dato, outra evidencia: a de que hoxe en día a maioría dos premios poéticos son gañados por mulleres e que son mulleres tamén as que protagonizan maioritariamente os foros poéticos solemnes, ou os recitais dos bares.
Xardín Desordenado son: Marlene Rodrigues, Santiago Ferragud, David Outumuro, Lorenzo Boo e Isaac Garabatos.
Xardín Desordenado
Fai algúns invernos, uns músicos de Vigo decidiron percorrer librerías e bibliotecas, á busca de poemas ós que converter en cancións. Logo, reuníanse nunha bufarda de Tirán, onde compartían os poemas elexidos e as súas experiencias musicais. Todos transitaran polo Jazz, aínda que chegados dende diversas procedencias.
Para o proxecto, ao que chamaron Xardín Desordenado, elixiron unha sonoridade acústica e íntima e, respetando as mensaxes e os climas dos poetas, converteron os textos en swing, blues, bolero, bossa nova... No ano 2011 aqueles traballos produciron un CD con 16 poemas musicados, que foi presentado ao longo de Galicia e que cruzaría logo até Arxentina.

Ningún comentario:
Publicar un comentario