23/5/2016 - O pasado xoves 20 de maio celebrouse un pleno extraordinario na Casa do Concello, convocado polo goberno municipal, que tiña como único punto do día a aprobación dun Recoñecemento extraxudicial de crédito para o ano 2016 por valor de 384.817,93 euros. Este é o sistema que contempla a lei para que a administración, en situacións de excepcionalidade, poda abonar as prestacións proporcionadas por un terceiro que non están incluídas na partida orzamentaria ou que rexistran algún tipo de irregularidade, e así evitar o enriquecemento inxusto da administración.
Dende Veciños de Padrón buscamos que a xestión dos fondos públicos cumpra unha serie de requisitos mínimos, que garantan o seu servizo aos intereses xerais da veciñanza. O goberno do Partido Popular leva anos utilizando sistematicamente esta excepción para realizar gastos sen consignación orzamentaria, moitos deles incumprindo a legalidade, e sen ningún interese por reverter esta situación; como demostra que o Recoñecemento que pretendía aprobarse neste pleno aumentou en 139.156,23 euros con respecto á cantidade aprobada no 2015
Para que a proposta fora tida en conta por Veciños, o goberno debería ter presentado, xunto con ela, un informe coas medidas a levar a cabo para reducir o endebedamento, e para que cada vez sexan menos e de menor importe as facturas presentadas por este procedemento. Non facelo deste xeito demostra, unha vez máis, a súa total irresponsabilidade e desinterese; así como as carencias de ética e traballo do seu grupo.
Por este motivo, a formación votou en contra deste Recoñecemento extraxudicial de crédito, que finalmente foi rexeitado xunto cos votos negativos de PGD, AxP e BNG; invalidando os catro votos a favor do PP (o quinto voto era o do alcalde, que a pesar de convocar a sesión extraordinaria non estaba presente) e as abstencións de PSOE e CIPa.
Veciños de Padrón solicita, coma explicou no pleno Teresa Rey e como manifesta a intervención, que se saquen a licitación todos os contratos que agora mesmo están caducos e en situacións de ilegalidade, feitos que xa foron denunciados por Veciños ante o Consello de Contas; así como que se realicen orzamentos que se adapten á situación actual e permitan planificar correctamente os gastos, cumprindo coas medidas de aforro presentadas pola formación que foron aprobadas en pleno.
Ningún comentario:
Publicar un comentario