26/5/2016 - Os novos habitáculos serán construídos aproveitando espazos desocupados do camposanto. Os nichos serán executados no próximo ano, mentres que as sepulturas quedarán rematadas no presente. Os traballos permitirán cubrir a práctica totalidade das solicitudes de prazas realizadas dende hai moitos anos e irán parellos a accións de adecentamento do conxunto
O Concello de Lalín ten proxectada unha ampliación da capacidade do Cemiterio de A Romea mediante a construción de 90 novos nichos e 30 sepulturas. Así o vén de anunciar o concelleiro de Urbanismo e tenente de alcalde, Nicolás González Casares. Este aumento levarase a cabo tras realizarse un informe exhaustivo que determinou a demanda existente para o camposanto. O proxecto solucionará os problemas de capacidade, xa que permitirá que se cubra a práctica totalidade das prazas solicitadas dende hai moitos anos.
O plan de extensión, que comezaría a desenvolverse este ano coa consecución das sepulturas, provocará, tal e como indicou o concelleiro, que o proceso expropiatorio para ampliar a capacidade de A Romea quede en suspenso ata a aparición de nova demanda. Isto débese a que os novos habitáculos funerarios serán construídos aproveitando algúns dos espazos desocupados que hai no cemiterio e que cumpren coas dimensións e as condicións necesarias para construír os novos panteóns.
En concreto, os novos nichos serán construídos no espazo incompleto que existe entre o primeiro e o terceiro bloque nichos que se atopa á man esquerda da entrada principal do cemiterio. Neste espazo levantaranse dúas fileiras paralelas de 2,70 metros de ancho, con 15 nichos de longo por 3 de alto cada unha, dando cabida, porén, a 90 novas prazas. A execución destes recintos irá contemplada nos orzamentos do próximo ano, reservándose para tal fin unha contía que aínda esta por definir, pero que se estima estará en torno aos 130.000 euros.
Pola súa banda, as novas sepulturas serán cavadas na parte dereita á entrada do camposanto municipal onde, entre o muro perimetral e os primeiros panteóns existe un espazo dispoñible de 12,50 metros. Esta orgura permitirá escavar dúas novas sepulturas adxacentes a cada unha das filas que xa existe. Posto que hai 14 fileiras, darase cabida a 28 novos habitáculos funerarios soterrados. Asemade, na esquina esquerda norte do recinto existe unha zona baleira na que se crearán outros dous, posibilitando a creación dun total de 30 novas sepulturas. Está previsto que estas tumbas sexan executadas no transcurso deste mesmo ano, tal e como explicou Nicolás González Casares.
O concelleiro sostivo que estes traballos non afectarán de ningún modo á estética do conxunto, indicando, pola contra, que irán parellos a un adecentamento integral do mesmo que conlevará, entre outras cuestións, a retirada de material de desperdicio que afecta dende hai tempo ao cemiterio, ou o devastado das tullas que o rodean.
O concello de Lalín avaliou detalladamente nas últimas semanas a demanda de espazos no camposanto para poder realizar unha valoración determinante en canto ás necesidades de ampliación do cemiterio. Finalmente, o informe realizado polos técnicos municipais revelou que se teñen formalizado dende o ano 2011 un total de 25 solicitudes de sepultura. Destas, constatouse que 15 seguen en vigor, dúas foron canceladas e unha xa foi adxudicada. Das restantes non se obtivo polo momento nova resposta. Por outro lado, hai un total de 155 nichos solicitados dende o ano 2001. Non obstante, a 14 destes demandantes xa lles foron adxudicadas sepulturas, de modo que é previsible que renuncien á solicitude.
Ningún comentario:
Publicar un comentario