Lalín lembra o Día Europeo da Rede Natura 2000 e o Día Internacional da Biodiversidade

22/5/2016 - A concelleira anima a coñecer as zonas do concello que forman parte deste programa de protección “que debe servir para xerar oportunidades e non como un obstáculo”
O Concello de Lalín súmase ás celebracións do Día Europeo da Rede Natura 2000 que tivo lugar onte e do Día Internacional da Biodiversidade, que se conmemora hoxe 22 de maio. Para elo, a responsable de Medio Ambiente, Celia Alonso, apelou novamente á necesidade de “respectar, amar e coidar os incomparables espazos naturais dos que por fortuna gozamos en Lalín”. 

Lembra que o municipio ten un patrimonio natural de valor incalculable, con zonas de referencia en toda Galicia e no resto do Estado, que constitúen, en moitos casos, hábitats únicos nos que prosperan multitude de especies, algunhas délas ameazadas, e onde se poden contemplar paisaxes dunhas características inigualables. 

Entre estes puntos, recorda a Celia Alonso, o Concello de Lalín conta con dous enclaves de altísimo valor ecolóxico que forman parte do conxunto de espazos protexidos pola Rede Natura 2000. Trátase da Serra do Candán e dos Sobreiras do Arnego, que Lalín comparte co veciño concello de Agolada e dos que a concelleira resaltou a súa “inmensa beleza paisaxística e súa extraordinaria riqueza natural e en canto a biodiversidade”. 

Por estes motivos fixo un chamamento á cidadanía “para que se acerquen a coñecer estes lugares cos que temos o privilexio de contar”. “Non poderemos coidar algo que non coñezamos e amemos”, apunta, “polo que difundir esta riqueza é algo primordial”. Así mesmo, lembra, A Rede Natura 2000, “promove que a conservación da natureza vaia da man de beneficios para a poboación e para a economía en xeral”. Porén, “é de gran importancia dar a coñecer estas zonas, que non deben ser un obstáculo para o desenvolvemento socioeconómico dos lugares, senón que deben funcionar como xeradores de oportunidades”. Para finalizar, Celia Alonso apunta que “o Goberno local tratará de potenciar ao máximo os espazos naturais de Lalín e, en particular, os da Rede Natura, “como un patrimonio de todas e todas que debemos preservar pero do que, ao mesmo tempo, temos que desfrutar e extraer as súas posibilidades”. 

Ningún comentario: