O alcalde de Lalín Rafael Cuíña, fixo un chamamento a todas e todos os lalinenses para que acudan o próximo día 3 á primeira feira do novo ano que se celebra en domingo. “Será unha xornada inmellorable para saír e desfrutar de todo o que Lalín nos pode ofrecer”, dixo Cuíña, engadindo que “esta feira de aninovo ten o aliciente de celebrarse en Nadal, unha das épocas nas que máis se consume, polo que temos que encher as rúas e darlle un impulso a actividade da nosa vila”.
O Goberno de Lalín tomou a decisión de non variar no calendario de 2016 as feiras do 3 e do 18, independentemente de que coincidan en domingo ou en xornada festiva, co propósito de dar resposta a unha antiga demanda dunha boa parte da sociedade e tentar dinamizar a actividade durante as fin de semana. Dende o Concello considérase que a decisión vai ser moi positiva para os intereses de Lalín, xa que se agarda que os domingos feirados teña lugar unha maior afluencia de público, ao poderen asistir tamén aquelas persoas que principalmente por motivos laborais non o podían facer ao seren as feiras pola semana.
A do 3 de xaneiro será, pois, unha feira de especial relevancia, posto que servirá para sacar as primeiras conclusións da iniciativa de manter as feiras no mesmo día, aínda que cadren en domingo. Non obstante, prevese que a de pasadomañá sexa unha xornada con moito ambiente nas rúas de Lalín, xa que ao mercado do Campo da Feira se lle sumará a actividade no comercio, que xa viña abrindo normalmente nos domingos previos ao día de Reis
Ademais da do día 3 de xaneiro, en 2016 será outras catro as xornadas feiradas que coincidirán co último día da semana. En concreto, Lalín tamén terá feira dominical os días 3 de abril, 3 de xulllo, 18 de setembro e 18 de decembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario