Psoe Ordes - A Xunta rexeita as enmendas que teñen que ver con Ordes

A Agrupación Socialista de Ordes lamenta que, un ano máis, o Partido Popular non aceptara nin unha soa das seis emendas presentadas polo grupo parlamentario do PSOE no Parlamento Galego durante o debate dos orzamentos da Xunta para 2016. Unha decisión que deixa no aire proxectos importantes para os veciños e veciñas do municipio como son o arranxo dos depósitos de auga de Reboredo, que abastecen á Vila de Ordes, e a reparación da estrada de Mercurín, que non conta con orzamento para iniciar as obras.

Así llo transmitiu o deputado autonómico Xosé Sánchez Bugallo á voceira municipal do PSOE de Ordes, Verónica Gómez, a quen lle explicou que “o arranxo da estrada de Mercurín vai atrasarse, cando menos, outros dous ou tres anos máis xa que o PP votou en contra de dotar a esta obra do orzamento preciso para que se fixese en 2016. Agora, con sorte poderá facerse o proxecto o ano que vén, as expropiacións en 2017 e despois comezarán as obras”, lamenta Sánchez Bugallo. Deste xeito, unhas obras comprometidas no ano 2008 non comezarán ata, como mínimo, dez anos despois, logo de que a Xunta de Galicia deixara caducar o convenio asinado co Goberno Central ao abeiro do Plan Míner. 

Depósitos de auga

Igualmente preocupante é a situación dos depósitos de auga de Reboredo, cuxas fendas nas súas paredes exteriores poñen en risco o abastecemento da Vila de Ordes. “A Xunta culpa ao Concello de Ordes por non ter pedido axuda ningunha para arranxar os depósitos, a pesar do rsico de que poidan romper e que xa lle temos remitido en varias ocasións”, apunta Sánchez Bugallo, quen lembra que “o Concello os ten ao 40% da súa capacidade para que non fagan presión”.

Pola súa banda, Verónica Gómez indicou que “aínda que non é certo o que di a Xunta, reiteraremos a nosa petición diante do actual alcalde para que se arranxen dunha vez estes depósitos pois, ao estar medio baleiros, se houbese calquera avería o subministro de auga de Ordes estaría en risco”. Así mesmo, lamenta que o Partido Popular non aceptara ningunha das emendas presentadas dende a Agrupación Socialista de Ordes nestes últimos anos e siga imcumprindo os seus compromisos en materia de saneamento e abastecemento do rural do municipio, así como rexeitando as reformas necesarias no IES Maruxa Mallo.

Ningún comentario: