Santiago - Vertixe Sonora Ensemble interpreta a Giorgio Netti

Vertixe Sonora Ensemble presenta o programa ‘Neccesità d’interrogare il cielo. Son # espazo # corpo # luz… un novo instrumento’ no que interpretan un programa de Giogio Netti dentro das Xornadas de Música Contemporánea. Será hoxe, mércores 14 ás 20.30 h na Igrexa de San Domingos de Bonaval. A entrada para o concerto será de balde previa retirada de invitación que se pode recoller na billeteira do Teatro Principal e o mesmo día do concerto desde unha hora antes no propio recinto onde se celebra. As Xornadas chegan este ano á súa cuarta edición, logo de que se retomaran en 2012 tras 13 anos sen actividade. Coproducidas polo Concello de Santiago de Compostela, o CGAC, a USC e o Centro Nacional de Difusión Musical do INAEM, son un claro exemplo do froito do traballo e e colaboración institucional e contan tamén coa colaboración do Consorcio de Santiago, da Fundación Cidade da Cultura e do Consorcio para a Promoción da Música da Coruña.

O obxectivo destas xornadas é fomentar e difundir as últimas tendencias e a innovación da música contemporánea. Neste 2015 celébranse do 10 ao 29 de outubro en diferentes espazos da cidade: Auditorio de Galicia, Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC, Cidade da Cultura, Paraninfo da Universidade, Afundación e as Igrexas de San Domingos de Bonaval e a Universidade. A cidade encherase de música contemporánea, por tanto, cun total de 19 concertos, dos cales 3 están enmarcados no programa didáctico das xornadas, AdesTempo, e 3 en Off_Contemporánea!!, que engloba as propostas máis alternativas do ciclo: outras músicas, outras visións, outros espazos...

“É a especificidade do corpo do instrumento o que me interesa, o instrumento coma unha vía de saída cara á que dirixirse para realizar unha lectura do mundo a través do son. O que máis me atrae é como o son pode cambiar inesperadamente do tradicionalismo máis arraigado á máis ousada experimentación mentres o seu corpo permanece imperturbable”… o compositor milanés Giorgio Netti contextualiza así o seu ciclo necessità d’interrogare il cielo, concibido para saxofón soprano, que interpreta Pablo Coello, director de Vertixe Sonora, ensemble convertido en referente para a última xeración de compositores que atopan nas súas producións a oportunidade de desenvolver achegas musicais nunha perspectiva artística global.

OFF_Contemporánea!!

necessità d'interrogare il cielo
son # espazo # corpo # luz... un novo instrumento

VERTIXE SONORA ENSEMBLE

Giorgio Netti (1963)
necessità d'interrogare il cielo (1996-99)
ciclo para saxofón soprano solo

...intuire a dispiegata forma della loce... (intuír a alongada forma da luz)

...affrettandoti verso il centro della loce risonante... (apurándose cara

ao centro da luz resoante)

...silenzio dei padri... (silencio dos pais)

...sottile veicolo dell'anima... (sutil vehículo da alma)

VERTIXE SONORA ENSEMBLE

PABLO COELLO saxofón soprano

OCTAVIO MAS espazo escénico / iluminación

PABLO COELLO saxofón soprano

Saxofonista e director musical de Vertixe Sonora, ensemble convertido nun referente insubstituíble para a última xeración internacional de compositores que encontran nas súas producións a oportunidade de desenvolver propostas musicais cunha perspectiva global en permanente estado de convulsión, en busca da excelencia artística. Coa permanente estrea de novas obras, Vertixe Sonora fai que Galicia participe da creación sonora internacional cun protagonismo activo e desafiante. Gran contribuidor ao crecemento e desenvolvemento do repertorio do seu instrumento, o saxofón, con medio cento de estreas absolutas, incluíndo obras a solo, cámara, multimedia, ensemble ou solista, como o Concerto Homenage a Francisco Toledo para saxofón e ensemble do mexicano Víctor Ibarra estreado o 2014 dentro do festival vertixeVigo e grazas á residencia artística Ibermúsicas. Pablo Coello dirixe o ciclo Música e Arte: Correspondencias Sonoras que se desenvolve no CGAC e Espazo IXOR, conectando co seu labor docente no CSM da Coruña onde é profesor de saxofón e de música contemporánea, e coordina a realización de cAuSaL, encontro internacional de composición que leva aos centros de ensino superiores de música de Galicia gran parte dos creadores musicais cos que traballa o conxunto galego. www.vertixesonora.net.

OCTAVIO MAS espazo escénico / iluminación
Artista plástico con 26 anos de experiencia como iluminador profesional e director técnico, no ámbito nacional e internacional, en artes escénicas, ópera, concertos, teatro, danza e performance, así como en rodaxes, cine, vídeo e televisión. Octavio Mas dirixe a instalación das súas creacións, realizando o manexo destas nos directos. Os seus deseños e instalacións foron presentadas en toda a rede galega de teatros e auditorios e nun gran número de cidades (Barcelona, Madrid, Almagro, San Sebastián, Bilbao, Xixón, Vitoria, Oviedo, Palma de Mallorca, Granada, Murcia, Pinto, Salamanca, Cigales, Pamplona, Burgos, Alcalá de Henares, Valladolid, Alacante, Estarreja, Sabadell, Chiclana, Terrasa, Las Palmas) e en Venecia, París, Bruxelas, Berlín, San Petersburgo, Cidade de Panamá, Crato (Brasil), Potsdam, Lyon, Marsella, Porto, Recife, Nantes, Zúric, La Habana, Bogotá, Lisboa, Rennes, Santiago de Cuba, Roubaix, Aveiro, Montemor, Pinto, Faro, Bruxelas, Montpellier, Groningen, Monterrey, Braslia, São Paulo,etc. Ten sido recoñecido con diversos galardóns como o premio María Casares 2007 á mellor iluminación, o premio da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia pola produción O regreso ao deserto do Centro Dramático Galego dirixida por Cristina Domínguez, ou o premio María Casares 2012 á mellor iluminación pola obra Oeste solitario de Producións Teatrais Excéntricas dirixida por Quico Cadaval.

Ningún comentario: