Santiago Futsal ten hoxe ante si outra das probas que este maratoniano comezo de Liga no seu día deparoulle. Tras os encontros ante Movistar Inter e El Pozo Murcia, agora visitan o Palau Blaugrana para medirse a outro dos claros aspirantes ao título de Liga e Copa, FC Barcelona Lassa. O encontro, que se disputará hoxe ás 21.15h, será emitido en directo pola web de CRTVG.
Pola súa banda, FC Barcelona Lassa non coñece a derrota esta tempada e suma pleno de vitorias, o que os sitúa na 2ª posición da táboa con 15 puntos, cun encontro menos que o líder Movistar Inter. Os blaugranas, ademais, conseguiron os seus triunfos en casa con amplos marcadores, superando a Jaén Paraíso Interior por 6-1 e a Jumilla Bodegas Carchelo por 9-1.
Nas noves ocasiones que FC Barcelona Lassa e Santiago Futsal medíronse en Liga en pistas barcelonesas, os locais lograron un total de 7 vitorias e tan só 2 empates, ambos con idéntico resultado 2-2 (06/07 e 13/14). No encontro da tempada pasada, os santiagueses caeron por un avultado marcador de 8-2 nun partido que rompeu a favor dos blaugranas a partires do 4-2.
Para o partido de mañá, Santi Valladares poderá contar con David Palmas, que entra na convocatoria tras estar 8 semanas de baixa debido á lesión no recto anterior da súa perna esquerda. Pablo Tallón e Juanjo Catela serán as baixas do conxunto celeste.
Sala de prensa
O técnico Santi Valladares compareceu ante os medios en rolda de prensa previa ao encontro ante FC Barcelona Lassa. Valladares explicou “Nós imos a Barcelona a competir, a loitar polos 3 puntos e seguir coa nosa liña de traballo, outra cousa é que nos deixen.”
Do seu rival de mañá dixo “FC Barcelona Lassa ten un potencial goleador impresionante. É un equipo que nas 5 primeiras xornadas de Liga non baixou de meter 6 goles por partido. Este último ano non se reforzou como nos anteriores, pero recuperou a Marc Tolrá. Agora mesmo en casa é un equipo intratable. Meteulle 9 a Jumilla B. Carchelo, 6 a Jaén Paraíso Interior…”
En canto á actitude da escuadra celeste para o encontro de mañá, o técnico expuxo “O que lles digo aos meus xogadores é que nestes encontros, ante os grandes, teñen que ser irreverentes, sen importar a quen teña diante. Se hai unha situación de 1x1 dáme igual quen estea diante, sexa un xogador recoñecido ou non, porque nós temos dúas pernas e a mesma capacidade de desborde que calquera. Temos que ser irreverentes, porque se vas con excesivo respecto non vas gozar do teu traballo.”
Valladares referiuse ao gran traballo realizado polo equipo nos encontros das pasadas xornadas e a importancia de manter o nivel “Competimos moi ben contra Movistar Inter e contra O Pozo e eu creo que o imos a facer moi ben contra FC Barcelona. Iso tennos que dar unha preparación para o que veña despois. Pero non podemos, porque veña UMA Antequera, baixar o pistón. Ese é o medo que eu teño, porque realmente aí é onde nos empezamos xogar a nosa Liga. Entón, se damos a cara contra os grandes, contra os que son da nosa Liga temos que competir ao mesmo nivel para poder ter máis opcións.”
O xogador do Santiago Futsal, David Palmas, quen tamén asistíu esta mañá a rolda de prensa e entrará na convocatoria do conxunto celeste tras recuperarse dunha lesión que o mantivo afastado das pistas 4 meses, dixo atoparse “mellor do que prevía” e espera estar nas mellores condicións no partido deste venres. Palmas tamén explicou que “Non estou a pensar no rival senón en facer as cousas ben, en mellorar e atopar sensacións, en recuperarme o mellor posible e despois, os resultados, chegarán tarde ou cedo.”
En canto ao papel do equipo nestas primeiras xornadas de Liga, o peche galego dixo “O equipo está a responder moi ben. Está a defender moi ben porque as estatísticas están aí e así o mostran. Estamos a encaixar moi poucos goles e o equipo está a responder moi ben en defensa. Eu creo que se todos sumamos e aplacamos calquera baixa, podemos manternos. Niso reside a nosa forza de equipo.”
Así mesmo, o xogador, que pode estrearse en Liga mañá co Santiago Futsal, referiuse ao seu rival “Todo o mundo coñece a FC Barcelona Lassa e sabe que nos primeiros 5-10 minutos do partidos é un rodete e adoita sacar vantaxe. Creo que se somos capaces de arrefriar o partido ao principio, se temos posesións longas e tentamos que non se vaian no marcador, mesmo logramos mantelo igualado, podemos facerlles dano nalgunha contra e aí pode estar a clave. Se aguantamos os 10 primeiros minutos no partido, iso vai equilibrar moito o encontro.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario