Ordes - Nova edición dos Desordes Creativos

A vila de Ordes acolle estes días unha nova edición do festival internacional de arte na rúa DesOrdes Creativas. Nesta ocasión participan nela artistas e muralistas da sona de Spok, Sabek (Madrid), Ino (Grecia), Malakkai (Almería) e Doa (Galiza).

Todos eles están a empregar muros e fachadas para plasmar as súas obras. Os centros académicos Maruxa Mallo e Castelao, o Campo da Feira, o campo de fútbol Vista Alegre, ou as inmediacións do Paseo Mercurín son algúns dos lenzos que están a empregarse nesta ocasión. Neles reflíctense creacións de distintos estilos e temáticas coas que se pretende, por un lado, denunciar e concienciar á veciñanza sobre aspectos, valores e problemáticas actuais. O Festival actúa como unha eficaz ferramenta de rexeneración urbana e diálogo social, que converte vellos espazos en desuso ou abandonados en novos lugares cheos de vida e cor para o desfrute colectivo. Un gran museo público e gratuíto a ceo aberto, co que tamén se pretende combater o feísmo urbano dalgunhas das zonas da vila a través da cor e da arte. Unha iniciativa que se vén desenvolvendo ininterrompidamente dende o ano 2010 grazas á sensibilidade, o esforzo e o amor incondicional de organizadores e colaboradores, así como polo traballo altruísta dos artistas participantes. 

Ademais de contar coa colaboración do Concello de Ordes nesta nova edición hai que mencionar á asociación cultural Cultivarte e ao colectivo creativo Mutante. 

Ningún comentario: