Brión - O alcalde José Luís Garcia viaxa a Bruselas representando a Deputación

O deputado responsable da área de Promoción Económica e Emprego da Deputación da Coruña e alcalde de Brión, José Luís García, asistirá á décimoterceira edición da Semana Europea das Rexións e as Cidades “Open Days 2015”, que se celebra dende ata o 15 de outubro en Bruxelas.

Os Open Days son un evento anual dedicado a autoridades locais e rexionais, organizado polo Comité das Rexións (CDR) e a Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea co obxectivo de compartir experiencias de xestión e boas prácticas no eido local, así como coñecementos especializados sobre desenvolvemento local e rexional.

Entre outras actividades, José Luís García asistirá o 14 de outubro a o seminario “Cooperación local e rexional para o cambio demográfico” que se celebrará na Representación Permanente de España na Unión Europea, no que se abordarán diferentes estratexias para afrontar os retos derivados do envellecemento e a baixa densidade de poboación, fundamentalmente nas áreas rurais e Europa. 

Ese mesmo día, na sede da Fundación Galicia Europa na capital europea, o deputado de Promoción Económica explicará no marco dun seminario sobre integración das áreas rurais e urbanas no que participarán representantes de entidades locais de Grecia, Italia, Polonia, Croacia, Holanda, Portugal e Reino Unido, algunhas das claves do proxecto Parnet-TIC 2 que desenvolve a Deputación da Coruña co obxecto de potenciar a creación de emprego no rural a través das novas tecnoloxías. 

Promoción de produtos do Eume 
O mércores 14 de outubro, a última hora da tarde, terá tamén lugar na sede da rexión italiana do Veneto na UE unha degustación de produtos típicos de diversas zonas rurais europeas, na que participarán os representantes políticos que asistiron ás conferencias matinais. A Deputación participará nesta actividade promovendo un variado catálogo de alimentos coa colaboración da Cooperativa Agroalimentaria do Eume.

Os días 15 e 16, García participará nun foro internacional sobre políticas de integración rural e urbana, no que se exporán experiencias concretas de diversas rexións europeas e viaxará á provincia de Zelanda (Holanda) onde visitará unha granxa ecolóxica e unha empresa de produción de ostras, así como o Deltawerken, un dos proxectos de xestión da auga máis grandes do mundo emprendido polos holandeses trala última gran inundación no ano 1953.

Ningún comentario: