“Aínda que se lle dará unha volta, a esencia do Mes do Cocido e da Feira do Cocido manterase, porque cremos que hai cousas que funcionaban ben”, explicou Cuíña, apuntando que os principais cambios pasan pola eliminación da Encomenda e da comida oficial, que agora pasará a ter carácter solidario. O rexedor fixo fincapé na necesidade de que a Feira do Cocido siga medrando e anunciou, neste senso, que o Goberno xa lle solicitou á Deputación, aproveitando a visita ao concello da presidenta, Carmela Silva, a colaboración para que o Cocido chegue a ser considerado como Festa de Interese Turístico Internacional. Este galardón outorgaríalle unha maior visualización a Lalín e realzaría a súa imaxe, o que finalmente redundaría en maiores beneficios para o conxunto do concello.
Ademais das accións de potenciación convencionais de carácter publicitario que se viñan levando a cabo habitualmente, Cuíña sinalou que se porá en marcha un autobús que percorrerá a provincia dando a coñecer o concello e o seu prato estrela, buscando a chegada a Lalín do maior número de visitantes de proximidade. Así mesmo, Rafael Cuíña indicou que a Feira do Cocido terá “carices exclusivamente culturais e gastronómicos”, ao tempo que anunciou que “se potenciarán de xeito parello outros produtos da zona, especialmente o pan de Lalín”.
Cada fin de semana do Mes do Cocido levaranse a cabo diferentes actividades de carácter cultural e gastronómico coas que se dinamizará a vila e se promocionará o prato. Ademais, potenciarase o sábado previo á Feira con actos musicais e culturais “para encher Lalín de xente durante todo o fin de semana”. O que está completamente descartado, segundo explicou o rexedor, “é levar orquestras ao Arena”. “Se as hai estarán no centro da vila”, finalizou o alcalde de Lalín.
Pola súa parte, o tenente de alcalde e responsable de Deporte, Nicolás González Casares, interviu para explicar que as actividades deportivas paralelas ao Mes do Cocido “se celebrarán despois do entroido, por cuestións estacionais, xa que o Cocido cadra moi cedo”.
En canto ás suxestións e propostas do sector hostaleiro, de cara a organización das actividades do Cocido, tivo especial relevancia a proposición de colocar en diferentes xornadas durante a tempada de consumo do prato, unha “carpa degustación” con produtos do cocido. A iniciativa sería organizada e coordinada polos propios hostaleiros, cubrindo o Concello as necesidades loxísticas pertinentes. Os representantes do sector traballarán na idea durante os próximos días para proporlle posteriormente ao Goberno unha planificación máis firme, que se valorará e, de ser factible levarase a cabo dando o Concello todas as facilidades.
Outras propostas escoitadas na tarde de hoxe pasaron pola posibilidade de entregar cada ano un recoñecemento a un persoeiro lalinense e a outro de fóra, nun acto que simularía a anterior Encomeda. Tamén se propuxo potenciar o cocido dende o outono, paralelamente a outros produtos, ou manter as casetas con produtos gastronómicos o día da Feira tamén pola tarde. Estas, e demais iniciativas serán valoradas polo Goberno local, que seguirá en contacto co sector durante as vindeiras semanas para seguir avanzando de cara a organización das actividades do Cocido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario