O portavoz do grupo municipal do BNG en Santiago de Compostela, Rubén Cela, cualificou de “continuístas” as festas do Apóstolo 2015, fronte á “suposta innovación anunciada polo Goberno local”.
Lembrou Rubén Cela que foi o goberno anterior de Agustín Hernández quen deixou lista a programación, tan só con algúns axustes realizados polo novo executivo local.
Unha das queixas máis repetidas da cidadanía foi o atraso na instalación do recinto feiral “porque moita xente afirmou non percibir o ambiente de festa até que se deixaron poñer as atraccións de feira”.
No relativo á contratación dos fogos artificiais, lamentou que “un ano máis non contou con repetición do espectáculo en días posteriores para o goce da xente que vive na cidade, pois na noite do 24 de xullo maioritariamente a praza do Obradoiro se enche de turistas e visitantes da contorna de Compostela”. “A repetición deste espectáculo audiovisual, toda vez que o gasto maior é na súa creación, contribuiría a obter un maior rendemento do investimento económico, ademais de satisfacer unha das demandas do sector da hostelaría e da veciñanza compostelá”, explicou.
Rubén Cela requiriu que, en vindeiras edicións, o novo goberno local realice un esforzo para contar con maior participación do tecido social compostelán na elaboración e execución das festas. De feito, botou en falta unha “maior sensibilidade” para contratar algunha das históricas agrupacións locais de música tradicional, en troques da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, na noite do 24 de xullo, coa gran proxección que ten ese evento que debera redundar na promoción das bandas da cidade de Santiago de Compostela.
Para o portavoz nacionalista, cómpre unha revisión integral de diversos actos protocolarios nestas festas, dende a “parada militar” á interpretación do himno español no acto do Día de Padrón, “que supón un atropelo aos nosos sinais de identidade” e se trata dun feito que, a xuízo do BNG, “está fóra de lugar nesta celebración”.
Polo demais, o BNG considera que as festas foron “concorridas, cunha programación axeitada e con boa aceptación do público en xeral”, ademais de facer valer o carácter gratuíto dos concertos da praza da Quintana.
Nas vindeiras edicións, o BNG proporá achegas nas vindeiras edicións para que as festas de Santiago de Compostela recuperen a identidade local e galega que deberan caracterizar as festas da capital de Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario