O pleno de organización do Concello de Ordes, o primeiro tras a victoria do Partido Popular nos pasados comicios locais, arrancou cunha serie de aprobacións que suporán un aforro anual de 60.000 euros para as arcas municipais. Se na primeira etapa do anterior goberno este tipo de gastos ascendían a 186.000 €, a partir de hoxe esta cuantía non chega ós 126.000 €.
Un nivel de optimización de recursos que pasan por acordos como o descenso de representantes nas comisións informativas permanentes, así como no Consello da Emisora Municipal (Radio Ordes). Unha medida aceptada pola maioría da corporación, agás os membros de UXO e a edil socialista, a cal se abstivo. Deste xeito constituiranse as comisións permanentes de Contas, Facenda e Persoal; Obras e Urbanismo; Asuntos Xerais do Pleno. Como novidade aplicarase en cada unha delas o voto ponderado, tendo un único representante por cada forza política, pasando dos nove a cinco membros, ademais da presidencia que ostentará o actual alcalde. Unha medida que suporá un aforro do 43% respecto ao exercicio anterior, que traducido en termos onerosos son 10.000 € ó ano. Uns cartos “que irán destinados a Servizos Sociais”, tal e como corroborou a voceira do goberno e edil da área, Susana Gómez.
Outro punto na orde do día foi o nomeamento de representantes da corporación en órganos colexiados. No caso da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e no Consejo Territorial de la Propiedad Inmobiliaria a responsabilidade recaerá en mans de José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde do municipio. Susana García Gómez, concelleira delegada de Educación, exercerá tal función dentro dos consellos escolares dos centros educativos do municipio, no Comité Local Cruz Vermella e na Asamblea Xeral da Asociación e Desenvolvemento da Comarca de Ordes.
Dedicación exclusiva
No apartado de dedicacións exclusivas tan só o alcalde se rexerá baixo esta fórmula, mentres que os demais membros do seu equipo manterán a súa ocupación labora actual, ademais de adoptar otro tipo de medidas como o rexeitamento a ter teléfono pagado polo Concello. Neste aspecto a retribución anual asignada ao máximo representante será a mesma que ata o de agora viña percibindo o seu antecesor, 41.313, 30 € brutos anuais, distribuídos en catorce pagas. Os demais concelleiros percibirán asistencias pola concurrencia efectiva ás sesións dos órganos colexiados da Corporación, que no caso da asistencia ao pleno ascende a 125 €, 200 € polas Xuntas de Goberno Local, e 100 € polo Consello da Emisora Municipal e polas comisións informativas e Xunta de Voceiros. No eido da dotación ós grupos políticos como compoñente fixo serán 350 € e como variable 120 €.
Ademais de todo isto tamén se aceptou a proposta de celebrar ás 20 horas do último martes de cada mes as sesións plenarias ordinarias, trasladándose ao martes anterior no caso de que esa xornada sexa inhábil.
Outro aspecto dado a coñecer xa con antelación ao día de hoxe foi o nomeamento de cargos e o funcionamento do goberno municipal, o cal está dirixido por José Luis Martínez Sanjurjo. Como primeira tenente de alcalde e concelleira de Medio Rural e Medio Ambiente figura Ana María Soneira Liñares, seguida de Beatriz Martínez Candal, concelleira de Obras e Infraestruturas e segunda tenente de alcalde; Luis Caamaño Fraga, concelleiro de Deportes e Mocidade e terceiro tenente de alcalde; José Manuel Mira Gómez, concelleiro de Cultura, Festas, Mantemento e Servizos e cuarto tenente de alcalde; José Manuel Rodríguez Méndez, concelleiro de Industria, Comercio, Asociacións, Exposición, Parques e Xardíns e quinto tenente de alcalde. A todos estes nomes que compoñen a Xunta de Goberno Local hai que engadirlle o de Susana García Gómez, a cal compaxinará o seu cargo como concelleira de Educación, Benestar Social e Traballo co de deputada provincial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario