BNG - Protestas pola compra de NGB

O BNG convoca concentracións para amosar o malestar pola venda de NGB e convida aos cidadáns a unirse ás protestas
En Compostela a concentración será hoxe venres, ás 20.00h, diante da sede de NGB na Praza de Galiza 

Ante a venda de Novagalicia Banco (NGB) ao banco venezolano BANESCO, o BNG fai un chamamento á cidadanía para que hoxe saia a rúa e se concentre diante das oficinas centrais de NGB nas principais cidades galegas, como mensaxe clara de que seguirán loitando para acadar o obxectivo de que Galiza conte cun sistema financeiro propio. En Compostela, a concentración será ás 20.00h diante da sede de NGB na Praza de Galiza. Os nacionalistas convidan a todas as forzas políticas, sindicais e sociais e ao pobo en xeral a que se unan a estas protestas para demostrar que os galegos e galegas están unidos na indignación ante o espolio do aforro galego e a eliminación de calquera vestixio de sistema financeiro propio. 

Madrid, coa “compracencia” de Feijóo, consumou a “colonización financeira de Galiza” deixando o control do 40% do aforro do país en mans da entidade venezolana Banesco que, pese a ter a metade de activos que NGB, quédase coa entidade galega a prezo de saldo de 1.003 millóns de euros, dos que 600 os abonará en “cómodos prazos ata 2018”. O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, salientou que “é un día triste para Galiza porque perdemos o control do noso sistema financeiro, perdemos como contribuíntes 8.000 millóns de euros e, sobre todo, perdemos a oportunidade de ter unha banca pública galega desde agora mesmo por tan só 400 millóns de euros”.

Vence subliñou que, dentro das opcións posibles, a venda a Banesco “é un mal menor” fronte as peores opcións que pretendía o Ministro de Economía, Luís De Guindos e a banca española. “O papel do BNG e dos medios de comunicación galegos evitou o mal maior que sería a entrega de NGB á banca española que suporía a desaparición inmediata da entidade e o despedimento masivo dos traballadores”, alegou. En todo caso, valorou que, “a expensas de coñecer as condicións da venda polo miúdo”, se anuncie a continuidade da entidade, da sede e dos centros de decisión en Galiza e o mantemento maioritario do emprego.

Vence criticou a actitude indolente do presidente da Xunta a quen cualificou de “irresponsable” por declarase “tranquilo” ante a desaparición do noso sistema financeiro. “Se non é quen de defender o país, debe dimitir, toda vez que xa ten abandonado Galiza nas mans de De Guindos e de Madrid”, denunciou.

Fiscalía anticorrupción
O dirixente nacionalista reiterou que o BNG vai solicitar á Fiscalía Anticorrupción que abra un expediente de investigación por posible malversación de fondos públicos e prevaricación, tendo en conta que se elixe “o peor momento” para a venda da entidade e a perda “inxustificada” de 8.000 millóns de euros, ás que habería que sumar os máis de 500 millóns de euros roubados pola estafa da preferentes aínda sen recuperar.

Ningún comentario: