A Plataforma de Afectados por Preferentes de Compostela concentrarase nos Xulgados de Compostela para apoiar a seis dos seus membros denunciados por NovaGalicia Banco
A Plataforma de afectados por preferentes e subordinadas de Compostela, concentrarase diante dos Xulgados de Compostela e asistirá ao xuízo de faltas que se vai celebrar o luns 16 de decembro, a partir das 10:30 h., nos Xulgados de Santiago de Compostela, ao que están citados seis membros da súa Plataforma e que foron inxustamente acusados de ameazas e coaccións por NovaGalicia Banco.
Recordamos que o pasado mes de xaneiro seis membros da Plataforma de Afectados por Preferentes e Subordinadas de Compostela recibiron unha carta asinada pola Asesoría Xurídica de NovaGalicia Banco onde se lles comunicaba que “A tenor de sus actuaciones vinculadas con la tenencia de títulos correspondiente (…) con fecha 14 de enero pasado nos hemos visto obligados, en defensa de nuestros empleados, a presentar la correspondiente denuncia por amenazas y coacciones”. Igualmente, se lles dicía que “sirva la presente para comunicarle formalmente que NCG Banco ha decidido no aceptar su solicitud de arbitraje y, por tanto, no proseguir con la revisión de la misma”, ameaza esta que se veu cumprida toda vez que ningún dos afectados foron chamados ao proceso de arbitraxe que ata o pasado mes de agosto desenvolveu o Instituto Galego de Consumo.
Tras coñecer o contido da denuncia, os afectados comprobaron que as “actuacións” a que se refería a carta tiñan relación conactos de protesta pacífica que se desenvolveron na sucursal da oficina principal de NovaGalicia Banco en Santiago de Compostela.
A Plataforma de Afectados por Preferentes e Subordinadas de Compostela considera que actuacións como esta por parte de NovaGalicia Banco e que pretenden converter ás vítimas en culpables, son inxustificables e inaceptables. Queremos destacar que durante as numerosísimas protestas pacíficas nas oficinas de NGB, en ningunha ocasión ningún membro da nosa plataforma foi identificado por axentes da Policía, incluso cando o banco solicitou a súa presenza, xa que os axentes policiais sempre constaron o carácter pacífico das protestas.
A Plataforma de Afectados de Compostela quere pedir á opinión pública o seu máximo apoio e solidariedade con estas seis persoas que son inxustamente acusadas pola entidade bancaria que os estafou, tan só por participar en actos simbólicos e pacíficos. Consideramos especialmente grave e inaceptable que NovaGalicia Banco decidira excluílos previa e unilateralmente do proceso de arbitraxe cando non foron probadas as acusacións que contra eles se fan.
Pedimos tamén apoio e solidariedade para todas as persoas pertencentes ás Plataformas de Afectados polas Participacións Preferentes que nos últimos meses están sendo reiteradamente sancionados polas Subdelegacións do Goberno e/ou denunciados por determinados alcaldes pola súa participación en protestas cidadáns esixindo unha solución xusta para os miles de pequenos aforradores galegos vítimas desta estafa.
Plataforma de Afectados por Preferentes e Subordinadas de Compostela
Ningún comentario:
Publicar un comentario