Calvo anima aos representantes do PP na comarca de Santiago a “traballar máis preto que nunca dos veciños”
· Nun encontro de traballo cos alcaldes e voceiros desta zona, o secretario xeral do PP na provincia da Coruña incidiu no obxectivo de encarar o ano próximo cun “ánimo renovado” e “pensando sempre na mellora da calidade de vida das persoas”
· Ante a proximidade das eleccións europeas e mesmo as municipais do 2015, Diego Calvo mostrouse convencido de que o Partido Popular é o único “capaz de tirar por A Coruña e por Galicia”
O secretario xeral do PP da provincia da Coruña, Diego Calvo, asistiu esta tarde a un encontro de traballo con alcaldes de voceiros do partido na comarca de Santiago.
Durante o encontro, celebrado en Teo, Calvo animou a todos os presentes a “traballar máis preto que nunca dos veciños” porque, dixo, “é moi importante que o obxectivo de todo o que fagamos sexa mellorar a calidade de vida dos cidadáns”.
Neste senso, mantivo a mensaxe transmitida onte en Porto do Son e en Fene polo presidente provincial, Carlos Negreira, que asegurou que “escoitar ben as demandas e as preocupacións dos veciños é clave para poder tomar unha decisión”, polo que, tal e como asegurou Calvo, “manteremos a nosa liña de traballo preto do cidadán para seguir sendo o partido que máis se parece á sociedade”.
O secretario xeral animou a todos os voceiros e alcaldes da comarca de Santiago a encarar o ano que vén con “ánimos renovados, coas mesmas ganas e a mesma ilusión que ata agora”, xa que o ano que vén será clave para A Coruña e tamén para Galicia.
“O Partido Popular é o único que pode tirar da Coruña e de Galicia”, explicou Calvo, que engadiu que, para responder ao compromiso adquirido cos veciños, “temos que traballar coa mirada posta tanto nas eleccións europeas do 2014 como nas eleccións municipais do ano 2015”. “E farémolo coa fortaleza que sempre demostra o Partido Popular, unha fortaleza baseada na constancia, o compromiso e o esforzo de todos e cada un dos nosos militantes”, concluíu o secretario xeral provincial.
Finalmente, animou a alcaldes e voceiros a seguir a formar “o partido que mellor recolle as necesidades, as dúbidas, as esperanzas e os desexos dos cidadáns”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario