O PSOE DE TEO PRESENTA UNHA INICIATIVA PARA EVITAR QUE A SUBA DO CANON DE SOGAMA REPERCUTA NOS PETOS DOS TEENSES
Uxía Lemus de la Iglesia, concelleira do PSdeG PSOE de Teo, acaba de presentar unha moción para que no Pleno do mes de novembro se aprobe en Teo toda unha batería de medidas a fin de evitar que a suba unilateral do canon unitario de tratamento por tonelada de lixo, a percibir pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, pasando este dun importe de 55,91 a un de 74,64 €/Tonelada métrica tratada, mais IVE, repercuta directamente nos petos dos teenses.
Uníndose así a unha campaña que o PSdeG PSOE está a levar a nivel galego, os Socialistas de Teo pretendemos con esta iniciativa que a administración autonómica reformule esta medida, e que se poña en marcha unha mesa de negociación Xunta-FEGAMP-SOGAMA para estudar os custos reais do tratamento de residuos dos concellos.
Así mesmo, na iniciativa solicítase que a Xunta de Galicia realice unha auditoría externa (económico financeira, recursos humanos, produción, medio ambiental, etc.) da Sociedade Galega de Medio Ambiente, dándose traslado dos seus resultados á totalidade dos concellos que utilicen seus servizos.
Finalmente, os Socialistas de Teo demandamos que no caso de que non se retire a iniciativa da nova tarifa do canon de tratamento de residuos dos orzamentos autonómicos do 2014, o incremento que sufra o mesmo respecto ao do ano 2013 sexa asumido integramente polo Goberno autonómico, sen repercusión algunha nas transferencias ós concellos.
No caso de que esta suba finalmente se repercuta nos Concellos, estes poderían verse abocados ou ben a reducir gastos en temas vitais para a cidadanía, en Concellos xa moi endebedados, como no caso de Teo, ou ben a unha suba das taxas do lixo.
Como indica Uxía Lemus, unha posible suba da taxa do lixo en Teo “uniríase a modificación xa aprobada no Pleno do 27/10/2011, cos votos a favor só do grupo de goberno, cun incremento da taxa no rural do 56%, polo que a veciñanza de Teo sufriría nun dos peores momentos socio-económicos da súa historia unha suba inaceptable, e en moitos casos, inasumible”
Ningún comentario:
Publicar un comentario