O PSOE pide o mantemento das subvencións aos traslados de dependentes ao centros asistenciais a través do 065, que usan a diario 52 veciños de Ordes
O PSOE de Ordes presentará unha moción na sesión plenaria do vindeiro xoves 28 de novembro para instar á Consellería de Traballo e Benestar a que siga subvencionando o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal, o coñecido 065, que permite o traslado diario ou semanal dos dependentes aos centros asistenciais para recibir terapias de rehabilitación que faciliten a súa inserción. Un servizo cuxa continuidade está en entredito, logo de que esta mesma semana se coñecese o borrador dun decreto da Xunta que contempla a súa intención de deixar de subvencionar estes traslados e só mantelos en casos puntuais (como ir ao médico) e cun tope de 10 viaxes ao mes (que na práctica tan só son 5 viaxes, pois ida e volta contan como dous)
O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, asegura que “este novo recorte nas prestacións sanitarias por parte do Goberno do PP afectaría moi negativamente aos 52 veciños e veciñas de Ordes que fan uso a diario deste servizo na actualidade”. O concelleiro socialista explica que “en Ordes hai algo máis dun milleiro de usuarios potenciais do 065, dos que 52 deles fan uso a diario deste servizo e tan só trinta persoas podían facer o percorrido de xeito gratuito, ao ingresar menos de 400 euros”. Na actualidade en Ordes están dispoñibles dous vehículos, que realizan un percorrido medio de 10.000 quilómetros ao mes, o que dá unha idea do alto nivel de utilización que ten este servizo.
Por iso, os socialistas ordenses buscarán o apoio de todos os grupos municipais para instar á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, a seguir subvencionando este servizo nas mesmas condicións que está na actualidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario