O alcalde de Oroso critica que non se cumpran horarios nin frecuencias e advirte de que “se a Xunta puxese algo de empeño, o número de viaxeiros na comarca podería duplicarse”
As agrupacións socialistas de Ames, Brión, Oroso e Teo consideran que a dirección xeral de Mobilidade prexudica a xóvenes e maiores, como sectores da poboación que máis utilizan o transporte público
Os responsables das Agrupacións Socialistas de Ames, Brión, Oroso e Teo acusaron hoxe á Xunta de Galicia de incumprir o convenio do transporte metropolitano na comarca de Santiago, mediante a decisión de non poñer en marcha once liñas que estaban comprometidas para a área. A medida coñeceuse no último encontro coa dirección xeral de Mobilidade, cun documento que carece de rexistro de saída e nunha reunión sen orde do día. Para o PSOE, o servizo queda sumido nunha grave situación de “inseguridade xurídica”.
Os municipios que perderán esas liñas, que deberían estar xa activas ou activarse en breve, son os de Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra. Ademais, cancélanse as liñas de interese municipal en Teo e en Brión, que tamén figuraban no convenio asinado en decembro de 2010 e nas que o goberno autonómico só tiña que outorgar a autorización, xa que o finanzamento correspóndelles integramente aos Concellos.
En roda de prensa, os alcaldes de Oroso e Brión, Manuel Mirás e Xosé Luís García, e os voceiros socialistas de Ames e Teo, José Manuel Miñones e Uxía Lemus, acusaron ao goberno autonómico de perpetrar un recorte “inxusto” para un servizo público esencial para a poboación da comarca. Lembraron que os usuarios máis habituais son universitarios e persoas maiores, que coa redución de horarios e frecuencias se ven obrigados a ter que utilizar medios de transporte público máis caros ou o vehículo particular.
O servizo non funciona
O alcalde de Oroso explicou que “non é normal que se nos faga esto aos Concellos da comarca, que somos os que máis xente xoven temos”. Para Manuel Mirás “se o servizo non funciona na primeira coroa arredor da capital” non ten sentido “fala de ampliar o transporte metropolitano a municipios que están incluso a máis de trinta quilómetros de Santiago”.
O primeiro edil de Oroso, que espera ter unha reunión coa dirección xeral de Mobilidade nos vindeiros días, incidiu en que os servizos xa activos non se cumpren, nin en horarios nin en frecuencias, porque “algunhas empresas fan o que lles dá a gana, sen renovar flotas e obviando os horarios”. Mirás coida que a Xunta nin se molesta en apercibir estes comportamentos e tamén lamenta que determinados “conflictos de intereses” impidan, por exemplo, que os cidadáns non poidan desprazarse co transporte metropolitano desde Sigüeiro ata o polígono do Tambre. Entre esta imposibilidade e o incumprimento de horarios, numerosos traballadores desisten de utilizar o transporte público para ir de Oroso ao seu posto de emprego. Para o alcalde de Oroso, cómpre unha modificación da lei para que os intereses dos usuarios se sitúen por riba dos dos operadores do sector.
Neste sentido, o alcalde de Oroso reclámalle á Xunta que “poña un pouco de empeño no cumprimento do convenio do transporte metropolitano, porque se o fixese así podería duplicarse o número de viaxeiros en toda a comarca”. Lamentou que en cambio o goberno autonómico siga na liña de destrución de servizos públicos, que na área de Mobilidade se traduciron na desaparición do Noitebús, co conseguinte incremento da sinistralidade viaria entre os xóvenes nas noites de ocio, ou no servizo 065 de transporte adaptado para persoas con discapacidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario