Psoe Oroso, Ordes, Santiago - Posta en valor da senda verde

O PSOE pide a posta en valor da senda verde que une Santiago, Oroso e Ordes a través de 26,6 quilómetros de camiños de ferro abandonados
Xesús Pedreira denunciou que “na parte de Ordes estase a utilizar como un vertedoiro incontrolado de lixo” e pediu a desafección da estación da Pontraga, pola que o Concello está a pagar 900 euros mensuais

Antonio Leira asegurou que a posta en valor da senda verde “é algo que non pode esperar máis. O investimento non é moi grande e o firme é, de momento, recuperable pero se seguimos esperando a maleza invadirá todo”

Os grupos municipais socialistas de Santiago, Oroso e Ordes presentaron esta mañá unha acción conxunta para solicitar a posta en valor da senda verde que une estes tres municipios a través de 26 quilómetros de camiños de ferro abandonados polo ADIF. Unha moción que os tres grupos socialistas acordaron presentar este xoves nos seus respectivos plenos, así como diante da Deputación da Coruña e do Congreso dos Deputados.

O voceiro municipal do PSdeG en Ordes, Xesús Pedreira; Antonio Leira, concelleiro de Oroso e deputado provincial; e María Bugallo, concelleira socialista de Santiago; presentaron esta mañá a iniciativa coa que piden a posta en marcha da senda verde Santiago-Oroso-Ordes, duns 26,6 quilómetros en total, a fin de promover entre a cidadanía o deporte e o lecer ao aire libre, a mobilidade ecolóxica e o benestar das persoas con problemas de mobilidade.

Pedreira explicou que “esta sería a primeira senda verde de Galicia e suporía un estímulo económico e social para os tres concellos”. Un punto no que coincidiu Antonio Leira, quen sinalou que “coñecemos experiencias en Aragón e Asturias que demostran que temos nas nosas mans un recurso dun valor paisaxístico enorme e cun potencial aínda por descubrir pero que achegará riqueza para os concellos polos que discorre”.

Desafección das estacións
Por iso, Leira Piñeiro pediu a implicación do Concello de Santiago, da Deputación da Coruña e do ADIF a quen solicitarán que “desafecte os terreos e tamén os inmobles, que terían un uso moi interesante para os veciños e que os Concellos poderiamos poñer en valor”. Un punto no que incidiu Xesús Pedreira, quen puxo o exemplo da estación da Pontraga, “pola que o Concello de Ordes paga 900 euros ao mes, o que supón un gasto moi considerable, sobre todo nestes tempos de crise económica”. Así mesmo, Pedreira Mirás aproveitou para denunciar que “nos pouco máis de oito quilómetros correspondentes a Ordes xa temos denunciado que se está a utilizar como un vertedoiro incontrolado de lixo, cando iso pertence ao ADIF, que debería velar por que estivera en boas condicións”. 

Neste sentido, Antonio Leira asegurou que “nos urxe poñer en valor a senda verde, é unha vella demanda que non pode esperar máis. O investimento non é moi grande, o firme é de momento moi recuperable. Se seguimos esperando, a maleza o invadirá todo e fará que isto desapareza”. Un punto no que coincidiu María Bugallo, quen indicou que o mantemento tería que estarse facendo, pois as condicións da senda son a día de hoxe "moito peor, está practicamente intransitable e cuberta de pedras" e pide que se faga un estudo para a posta en valor da senda.

Bugallo sinalou que esta é unha gran oportunidade para o fomento do turismo verde polo que se ten interesado nalgunha ocasión a concelleira de Turismo de Santiago, Reyes Leis. Ademais, consideran que esta suporía "un interesante investimento de cara ao turismo", explicou a concelleira socialista compostelá, que amosou varias fotografías tomadas a principios de xullo nun tramo dos 12,6 quilómetros da senda ao seu paso por Santiago.

Ningún comentario: