Casa das Crechas - Este martes Najla Shami

Mañá martes temos un concerto moi agardado: a compositora galego-palestina Najla Shami presentará aquí o seu último traballo (o libro-disco “Na língua que eu falo”, Galaxia, 2013) ademais doutros temas. Cunha sonoridade influenciada por estilos coma o jazz, funk, world music e a música galega, Najla Shami tráenos a súa proposta que percorre latitudes que van desde a Galiza até o Brasil ou África.

Najla Shami é unha cantora e compositora nacida en Compostela, filla de tres culturas: palestina, galega e arxentina, que creceu entre Galiza e Kuwait. En xullo deste ano estreouse en solitario co libro-disco ‘Na lingua que eu falo’ (Galaxia, 2013), no que afonda na obra da escritora Rosalía de Castro. Trátase dunha selección de dez temas que reúne sete poemas da autora galega con música orixinal, dúas novas creacións e unha revisión do clásico Negra Sombra. Un traballo no que Shami procura o diálogo entre as súas orixes e as súas referencias actuais.

Ademais deste disco, ten colaborado en multitude de traballos con outros músicos: The past to come (Enterphonics, 2003), coa banda de acid-jazz Cinnamon Gum; Ben Deitei (Ouvirmos, 2010), coa Safari Orquestra; e Haikus (Inquedanzas Sonoras, 2011), con Lobalú, entre outros.

Gradualmente incorpora novas influencias na súa linguaxe, achegando sonoridades de Portugal, Brasil e África que mestura coas súas raíces e co jazz, e imprimen unha profunda pegada na súa evolución. Desta nova etapa xurde a colaboración co multiinstrumentista Sérgio Tannus no álbum Son Brasilego (Fol Música, 2012), a gravación do libro-disco e documental CoraSons (Kalandraka, Afrontamento, 2013) e a participación en festivais como “Estou Lá, Festival da Lusofonía” ou “Terra da Fraternidade, Homenaxe a Zeca Afonso”.

Ningún comentario: