Ames investiu 16.000 euros para mellorar as instalacións da área recreativa de Tapia

2/6/2016 - Durante os últimos meses o Concello de Ames, a través da concellaría de Urbanismo, Obras Públicas, e Servizos Básicos, realizou varias actuacións dirixidas a mellorar as instalacións da área recreativa de Tapia para que estean en óptimas condicións de cara a tempada estival.
Deste xeito, acondicionouse o firme da zona de estacionamento e das sendas peonís, executouse un pozo de barrena para garantir o abastecemento de auga neste lugar, sementouse novo céspede e reparouse o sistema de rego para garantir a correcta implantación do céspede. Estes traballos tiveron un custo de 16.455 euros. Na actualidade estanse realizando traballos de limpeza na piscina e nas zonas axardinadas.


A área recreativa de Tapia abarca unha extensión total de 15.000 metros cadrados. Esta enorme área engloba un gran número de instalacións como son a praia fluvial, con dúas zonas de baño no propio río, unha piscina para nenos, as instalacións do club de piragüismo "Ribeiras do Tambre", un muíño rehabilitado, vestiarios, grellas, e un pequeno bar, todo isto rodeado por amplas zonas verdes, onde poder tomar o sol, e zonas de aparcadoiro. Estas instalacións acollen numerosas iniciativas como son os cursos de natación, de iniciación ao piragüismo, etc.

Para que estas instalacións estean en perfectas condicións de cara ao inicio do verán o goberno municipal estivo realizando varias actuacións. En primeiro lugar, realizouse a preparación do céspede da praia fluvial de Tapia para que estea en condicións óptimas cando comence a tempada estival. Os traballos que se realizaron consistiron na sementado de novo céspede, previa preparación e aboado do terreo. Ademais, reparouse o sistema de rego para garantir a correcta implantación do céspede que se sementou, e o mantemento deste en condicións óptimas durante toda a tempada de utilización da mencionada área de lecer. Estes traballos tiveron un custo de 11.045 euros.


Por outra banda, executouse un pozo de barrena para garantir o abastecemento de auga neste lugar. Ata o de agora o único subministro de auga que había viña a través dunha rede de traída da aldea, pero isto provocaba que houbese problemas de abastecemento de auga para encher a piscina e para dispor de auga suficientes nas duchas dos vestiarios. Estes problemas quedan resoltos coa execución do novo pozo, que subministrará de auga para encher a piscina e para os vestiarios. A rede da traída seguirá proporcionando auga, pero unicamente a fonte desta área recreativa. Esta actuación tivo un custo de 2.172 euros.

Outras das actuacións realizadas foi para acondicionar a área de aparcamento e mailas sendas peonís. Na zona de estacionamento estendeuse unha capa de zahorra. Tamén se aplicou formigón nas fochancas existentes neste lugar e realizouse unha limpeza exhaustiva do contorno da nave do club de piragüismo "Ribeiras do Tambre", dos aseos públicos e do muíño, xa que despois das inundacións que se produciron nos últimos meses tiñan moita terra acumulada. Ademais, cómpre salientar que durante os meses de verán habilitase unha finca anexa a estas instalacións para dispor de espazo suficiente de aparcamento. Estes traballos tiveron un custo de 3.238 euros.

Sobre a prohibición de baño na praia fluvial de Tapia, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, indica que “o pasado 23 de maio recibimos un comunicado da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia advertindo de que as análises feitas non daban o resultado idóneo para poder bañarse no río Tambre, polo que houbo que acordoar esta zona e colocar carteis advertindo desta situación. Na xornada de hoxe xa se realizou unha nova análise e esperamos ter os resultados este venres”.

Instalacións do club de piragüismo Ribeiras do Tambre
Por último, durante este verán vanse a reparar as instalacións do club de piragüismo Ribeiras do Tambre, situadas na praia fluvial de Tapia. As instalacións están compostas por dúas naves, unha que funciona como almacén e outra que contén o ximnasio e o almacén. Ambas naves están unidas por unhas dependencias elevadas que acollen unha oficina e unha terraza.

O prego que inclúe a memoria das obras incide en que as deficiencias na construción provocaron, co paso do tempo, a filtración da auga nos falsos teitos, desprendidos en varias partes das instalacións, e o consecuente deterioro do interior dos edificios. A madeira da terraza podreceu co paso do tempo, polo que esta xa non se pode empregar, e o portón e o pavimento exteriores tamén están deteriorados. Esta obra conta cun presuposto total de 49.963,19 euros, incluíndo o IVE.


Ningún comentario: